Arco da vella
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O arco da vella é o coñecido efecto óptico que consiste na aparición no ceo dun arco con bandas de cores, desde o vermello ate o azul, cubrindo todo o espectro visíbel, e que se produce como resultado da presenza simultánea da luz directa do sol e máis da chuvia.
A súa explicación atópase na dispersión cromática que provocan as pingas de auga condensada presentes no aire, descompoñéndo os raios policromáticos procedentes do sol, e desviando o raio correspondente a cada cor cun ángulo diferente. Isto á vez débese á dependencia que exhibe o índice de refracción da auga respecto da frecuencia, longura de onda ou cor da luz, resultando en diferentes ángulos de refracción para as diferentes cores.
Como se pode ver no esquema seguinte, o arco da vella é unha ilusión óptica no senso de que a imaxe que resulta da descomposición espectral, fórmase na zona onde se sitúa o observador. Se un fai a proba e acode ao lugar onde semella repousar a parte vermella do arco da vella, non vai atopar luz vermella, só as pingas e a luz case aínda sen descompoñer.
Outro fenómeno asociado a este é o arco da vella secundario, que aparece a 50-53 graos respecto do primario (o habitual) e cuxa característica máis chamativa é presentar as cores na orde inversa a este. É debido á luz que sofre unha reflexión adicional antes de saír da pinga de auga (pódese ilustrar trazando os raios na pinga da figura de enriba ou nun prisma se se prefire). Só é visíbel cando o primario é moi intenso, senón a luz que sofre esta reflexión é escasa e non se percebe.
En Galiza, con todo o que chove se non hai seca, acaba por se ver varias veces ao ano.