Ainu
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O ainu é unha lingua illada que se fala no Xapón.
ISO/DIS 639-3: ain
Índice |
[editar] Orixe
O ainu é unha lingua illada, sen ningunha relación con ningunha outra lingua, non se sabe cal é a súa orixe. Ás veces agrupouse coas linguas paleosiberianas, pero iso é tan só un termo que cobre varias familias pequenas e illadas que se cre que están presentes en Siberia dende antes da chegada dos turcos e tungús. Moitos lingüístas cren que o vocabulario compartido entre o ainú e o nivkh débese a préstamos mutuos, debido á súa proximidade xeográfica. Unha proposta de relación co xaponés e as linguas altaicas (Patrie 1982) tivo pouca consideración entre os especialistas. Recentemente, o lingüísta xaponés Shichiro Murayama e outros tentaron ligala por vocabulario e comparacións culturais coas linguas austronesias. Alexander Vovin (1993) presentou evidencias suxirindo unha conexión distante co austroásiatico, pero a hipótese aínda non se desenvolveu o suficiente como para ser tomada en consideración.
[editar] Falantes
Non se sabe con certeza cantos ainus hai no Xapón, segundo o goberno de Hokkaido hai 24.000 ainus na illa, pero como os ainus foron tradicionalmente discriminados pola súa orixe hai moitos máis que agochan ou ignoran a súa orixe, as asociacións ainus do Xapón afirman que hai entre 50.000 e 100.000 persoas de orixe ainu, pero na súa inmensa maioría falan só xaponés. O ainú era ata hai pouco unha lingua moribunda, falada por uns poucos vellos. Na vila de Nibutani (que forma parte do concello de Biratori, Hokkaido, dialecto tsishima) viven a maioría dos falantes nativos: segundo datos de 1996 eran 100, dos que só 15 a empregaban como lingua diaria, esta é practicamente a única vila de Hokkaido coa maioría da poboación ainu (500 persoas) e foi precisamente nesta vila onde comezou o proceso de recuperación da lingua ainu da man de Shigeru Kayano, hoxe a vila conta cun centro cultural e unha escola comunitaria en ainu (dende 1983).
Estímase que en todo Hokkaido hai uns 1.000 falantes nativos, case todos maiores de 30 anos, pero debido ao proceso de revitalización da lingua iniciado arredor de 1980 hoxe o número dos que aprenderon a lingua supera ao dos falantes nativos.
[editar] Distribución xeográfica
A maioría dos ainus concéntranse no oriente da illa de Hokkaido, en especial en Hidaka e Iburi. No norte da illa de Honshu houbo falantes de ainu en Aomori ata ben entrado o século XX.
Na illa de Sakhalin os ainu vivían no sur da illa, a maioría dos ainus foron evacuados despois da Segunda Guerra Mundial e en 1994 falecía a última falante de ainu.
Nas illas Kuriles os ainus foron evacuados antes da Segunda Guerra Mundial
[editar] Dialectos
Houbo 19 dialectos do ainu, pero hoxe só queda un, o de Hokkaido
- Tsugaru era o dialecto de Tohoku, na illa de Honshu, o último falante morreu arredor de 1950
- Sigheru era o dialecto da illa de Sakhalin, extinto en 1994
- Dialecto das Kuriles, tamén extinto a mediados do século XX.
[editar] Escrita e literatura
Os primeiros materiais en ainu foron glosarios recopilados por navegantes europeos como La Pérouse en 1797 ou Dawidow en 1807, ou por xaponeses como o dicionario ainu-xaponés de 1804.
John Batchelor (1854-1944) foi misioneiro inglés que tentou evanxelizar aos ainu, foi o primeiro en abril escolas ainu, a primeira en 1887 denominada airin, en 1889 publicou un dicionario inglés-ainu-xaponés e publicou unha tradución do Novo Testamento en 1896 en Gran Bretaña., pero foron iniciativas illas e non tiveron continuación polo que os ainus careceron de escrita propia ata fins do século XX, os ainus tiñan unha rica tradición de literatura oral centrada en sagas de heroes, denominada Yukar (ou hawki en Sakhalin) recollida polos xaponeses empregando os seus carácteres, pero sobre todo pola ainu Matsu Kannari (1875-1961) que recolleu (utilizando o alfabeto inglés) 92 yukas en 15.000 páxinas entre 1928 e 1944, publicadas por Kyosuke Kindaichi en 9 volumes.
Oficialmente, hoxe, o ainu escríbese cunha versión modificada do silabario xaponés katakana, pero tamén se emprega amplamente o alfabeto latino. Publícase en ainu sobre todo materiais para o ensino e contos infantís. A principal publicación ainu (editada en Nabutani dende marzo de 1997), Ainu Taimuzu (Tempo ainu) publícase nas dúas versións
[editar] Revitalización
Xa en 1946 se fundou a Asociación Ainu de Hokkaido para a educación e benestar social dos ainu, en 1961 muda o nome para o de Asociacición Utari de Hokkaido e aumenta o campo das súas actividades, e en 1984 lidera unha campaña pra cambiar a Lei de protección dos antigos aborixes de Hokkaido de 1899 que discriminaba aos ainu, que establecía limites na propiedade da terra e sistema educativo segregado, ao tempo a Asociación promove campañas de concienciación da importancia do mantemento da lingua ainu e da súa revitalización, froito desa campaña é a aparición de cursos de lingua para adultos en varias cidades de Hokkaido, xeralmente os mestres son vellos falantes nativos con boa competencia na literatural oral ainu, actualmente hai 14 clases en todo Hokkaido ás que asisten 400 alumnos, ademais a Fundación para a Investigación e Promoción da Cultura Ainu creada trala Lei para o fomento da cultura ainu de 1997 (que substituíu a de 1899) organiza 3 cursos en Hokkaido e 1 en Toquio para alumnos avanzados, ademais de cursos para profesores.
Ademais a radio da STV (Televión de Sapporo) retransmite semalnamente un curso para a aprendizaxe do ainu.
[editar] Historia
Non se sabe de certo cando chegaron os ainu ao que eles chaman Ainu Moshiri, nin a extensión que acadou. Ainu Moshiri, o territorio onde habitan os ainu, no século XVIII ademais de Hokkaido comprendía as illas Kuriles, Sakhalin, o norte de Honshu e o sur de Kamchatka, pero xa no século XV os xaponeses extenderan a súa influencia polo sur de Hokkaido despois de varias derrotas dos ainu.
Despois da batalla de Kunasiri-Menasi en 1789 os xaponeses fanse co control de todo Hokkaido, coa era Meiji principiou a política de asimilación dos ainu, prohibíndolles as actividades tradicionais de caza e pesca e favorecendo a súa conversión en agricultores, ao tempo que se favorecía a emigración masiva de xaponeses a Hokkaido, ata que os ainus se converteron nunha minoría no seu propio territorio.
A partir de 1800 comeza a progresar o bilingüísmo entre os ainu, aínda que o ainu seguía a ser a lingua de referencia da comunidade.
No censo de 1807 contabilizáronse 26.256 ainus e en 1931 15.969 aínda que os datos non son totalmente fiables, a diminución debeuse sobre todo ás epidemias traídas polos xaponeses e aos cambios na vida tradicional ainu consecuencia da colonización xaponesa, e o aumento dos fillos de matrimonios mixtos, que na maioría dos casos non se contabilizaban como ainu.
A partir de 1900 no bilingüísmo ainu comeza predominar o xaponés, e xa a partir de 1940 comeza a impoñerse o monolingüísmo en xaponés.