Antigo Exipto
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Antigo Exipto foi unha civilización agrícola asentada no Val do Nilo, entre a Primeira catarata e o Mar Mediterráneo entre o IV Milenio e a época romana.
[editar] Marco xeográfico
Principalmente, dende o delta no norte seguindo o val do río Nilo ata a Primeira Catarata (Asuán), na Baixa Nubia, aínda que as fronteiras variaron constantemente ao longo de trinta e tres séculos. Exipto é un oasis no medio dos desertos de Libia e Arabia. As inundacións periódicas do Nilo fecundan as terras exipcias. Distínguense en Exipto tres rexións, de sul a norte:
- Alto Exipto ou Tebaida (Tebas, Carnac, Luxor...)
- Exipto Medio ou Heptanómida (Hermópolis, Abidos...)
- Baixo Exipto ou o Delta (Menfis, Heliópolis, Sais, Alexandría, Cairo...)
[editar] Historia
Artigo principal: Historia do Exipto Antigo
O antigo pobo exipcio estaba formado por dúas etnias principalmente: os camitas (do Val do Nilo) e os semitas (procedentes da Palestina). Exipto dividíase administrativamente en 22 nomos ou provincias no delta e outros 20 no resto do trascurso do río.
A unidade do reino é atribuída ao rei Menes, que uniu o Alto e o Baixo Exipto e fundou a cidade de Menfis. Os periodos máis destacados son:
- Imperio Antigo: capital en Menfis, dez primeiras dinastías.
- Imperio Medio: capital en Tebas, dinastías da X á XVIII.
- Imperio Novo: ata a dinastía XXI.
- Periodo Saíta: con capital en Sai, dinastías da XXI á XXVI.
Logo veñen a dominación persa, a helénica de Alexandre Magno que instala aos Ptolomeos (considerados faraóns), e a conquista romana. Déixase de falar de Antigo Exipto coa súa inclusión no Imperio Romano de Oriente.