Macroeconomía
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Macroeconomía é a rama da Teoría Económica baseada no estudo das macromagnitudes económicas: inflación, PIB, renda per cápita, desemprego, etc. e das interrelacións existentes entre elas.
A cuestión fundamental na macroeconomía é acadar un equilibrio entre as diferentes magnitudes, que polo xeral entran en conflicto entre elas.
Un dos desenvolvementos máis salientables na macroeconomía é a curva de Philips, que relaciona inflación e desemprego.
A análise macroeconómica é de grande utilidade na elaboración e execución das políticas económicas gubernamentais, pero o seu uso vai moito máis alá, xa que ter unha previsión de cal será o comportamento global da economía nun futuro é unha necesidade para moitas empresas e particulares á hora de planificar investimentos.
No século XIX pódese considerar que é cando comeza a tratarse de cuestións macroeconomicas dende unha perspectiva científica, destacando os membros da escola clásica, iniciada por Adam Smith no século anterior. Defensores do liberalismo económico, afirman que o comercio internacional é sempre fonte de riqueza para tódolos países. Tamén neste século destacan voces contrarias a este movemento liberalizador, como por exemplo a de Karl Marx.
Será no século XX, especialmente no periodo de entreguerras coa crise da Gran Depresión cando esta ciencia vai acadar o seu auxe, e vai a pasar a ser considerada como unha disciplina autónoma dentro do conxunto da Teoria Económica. Economistas como Keynes e Friedman son dous dos grandes expoñentes do século XX, o primeiro dende a defensa dunha economía mixta, na que o estado interveña para solventar os desaxustes (as súas teorias tiveron un forte apoio en momentos de recesión, especialmente nos anos trinta), e o segundo dende unha perspectiva neoclásica.