Antón Corral
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Antón Corral (A Coruña, 11 de xullo de 1936 - ) é un artesán de instrumentos musicais galegos, gaiteiro e mestre de gaiteiros.
Antón Corral entrou en contacto coa música no colexio tocando a bandurria e interesouse polos instrumentos tradicionais através de Antonio Sandar, componente do grupo Os Amigos de Lugo. A súa primeira actuación foi cun grupo de rapaces chamado Os Garabullos do Alto. Durante o servizo militar tocou o clarinete na banda militar. Logo de licenciarse meteuse de cheo no mundo da gaita, e tocou cos Modernos de Lugo e Os montes de Lugo, cos que tivo máis participación. Paralelamente, tocaba coa Sección Femenina e impartía clases de gaita en Cantigas e Frores.
Deixou de traballar como axente comercial por problemas de saúde e comezou o seu labor como artesán en 1974 en Lugo. En 1979 pasou a Ortigueira chamado pola Escola de Gaitas. Debido á falta de apoios económicos trasladouse novamente a Lugo, onde tentou formar un equipo con antigos alumnos como Carracedo, Ramón Casal, e o seu fillo Carlos Corral. Alí formaron un taller de artesáns chamado Soutelo de Montes, xa que a intención de formar unha cooperativa non prosperou. En 1983 trasladouse a Vigo para dirixir o Obradoiro de instrumentos da Universidade Popular de Vigo até 2000, ano en que se retirou.
Antón Corral interesouse por perfeccionar a gaita, traballando especialmente no timbre e na afinación do punteiro e experimentando con novas tonalidades.
Fundou e dirixe a banda de gaitas Xarabal de Vigo, coa que ten gravado dous discos de intención didáctica. Tamén fundou unha escola de artesáns que continúa o seu fillo Carlos.
Entre os numerosos premios e galardóns recibidos destacan:
- Primeiro premio "Artesán distinguido" a nivel nacional. Madrid (1977)
- Primeiro premio "Diseño" do Ateneo de Ourense. Ourense (1983)
- Primeiro premio "Gaita de Ouro" do Ateneo de Ferrol. Ferrol (1996)
- Primeiro premio "Reconquista de Vigo". Vigo (1990)
- Primeiro premio da crítica musical. Círculo Ourensán de Vigo. Vigo (2001)
- Nomeado Vigués Distinguido en 2001