Bieito Cupeiro
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Bieito Cupeiro (Barallobre, Fene 14 de febreiro de 1914-1993) foi un mestre e escritor nacionalista galego que formou parte dos galegos ilustres emigrados á Arxentina que fixeron rexurdir a cultura galega nos tempos escuros que pasou Galiza na Guerra Civil Española e no franquismo.
Índice |
[editar] A súa vida
Bieito Cupeiro viviu no seu pobo natal ata os 22 anos, mais no 1936 emigrou para a Arxentina, onde o seu pai residía dende había tempo. Botaba de menos a súa terra, sentindo unha forte morriña polo clima de galeguidade ali existente. En 1941, decidiuse por Bos Aires, onde xa se desenvolvía unha forte e intensa vida cultural. En 1945 comezou a vencellarse á Federación de Sociedades Galegas, onde moi axiña pasou a integrar a Comisión de Cultura, que redactaba o xornal Galicia. En 1947 coñeceu a Castelao, integrándose no grupo da Irmandade Galega fundado polo guieiro.
Foi colaborador do xornal A Nosa Terra e mentor e asesor das Mocidades Galeguistas, organización da que xurdiría Xosé Neira Vilas. Director da revista Orzán, tamén colaborou con Vieiros, editada en México. A súa verba afervoada, a súa fogosidade, a súa patriótica vehemencia, tiveron neste loitador inclaudicábel un dos exponentes máis insignes de Ferrolterra. Pero a súa verdadeira dimensión, a súa verdadeira trascendencia acadouna como educador. En 1979, o Instituto da Cultura Galega organiza unha serie de cursos, onde durante toda a semana, e cun esforzo notábel, impartía clases de Historia, Xeografía, Arte, Lingua... a máis de duascentas persoas que día a día enchían os salóns. En 1983 foi substituído, mais en 1985 recomezou ese labor noutra entidade, o Fogar de Ribadumia.
[editar] A súa obra
Bieito Cupeiro deixou dúas obra publicadas, ámbalas dúas en Edicións de Castro, "Xornes" e "A Galicia de Alén-Mar". Na primeira delas recrea as súas vivencias nesta comarca mentres que na segunda reconstrúe a historia do galeguismo político na Arxentina.
[editar] O seu pensamento
A mediados de xullo de 1991, Bieito fixo unhas declaración dende Arxentina a Radio Fene. Nesas declaración reflexiona sobre a galeguidade e o significado da emigración galega. Aquí quedan recollidos algúns anacos desa conversa:
-"O 25 de xullo sempre foi celebrado aquí na Arxentina cunha grande solemnidade e cunha grande devoción patriótica de tódolos galegos emigrados. Os festexos aquí duraban normalmente máis dunha semana, de maneira que había confencias, actividades culturais, unha función no Teatro Colón...Participábamos nunha cantidade de cousas que, evidentemente, poñían de manifesto algúns dos aspectos máis importantes da nosa cultura galega e do fervor patriótico daqueles que tivémo-la desgracia de deixar esa terra fermosa, unha das terras máis bonitas do mundo, e afastarnos dela vivindo de suspiros e de saudade nunha terra afastada, pero sempre pensando en Galiza, sempre co corazón posto na nosa patria."
-"A celebración do 25 de xullo para min significa a reafirmación categórica de que somos membros dun país diferenzado, un país cunha cantidade de virtudes (tamén con algún defencto naturalmente), pero cunha cantidade de virtudes esenciais. O feito de vivir lonxe da terra en contacto con outras colectividades, danos a nós, os galegos emigrados, a dimensión do noso valer. Nós, aquí na América, na Arxentina e sobre todo nesta gran capital de Bois Aires loitamos, e triunfamos pero á beira doutras colectividades temos riscos moi destacados sobre todo no terreo societario. Somos a colectividade estranxeira que ten unha capacidade de asociación meirande de tótalas demais. Ningunha colectividade de aquí tivo nin ten aínda a capacidade asociativa qeu ten a colectividade galega."
-"Eu coido que ós veciños de Fene énchelles de satisfación comporobar qeu o labor que se fixo acá durante moitos anos por moitos patriotas qeu se esqueceron do seu propio interese persoal para dedica-los afáns a dinerar a Galicia, a democratiza-la nosa terra e a conciencia-lo noso pobo deu os seus froitos. Éncheme, digo, de satisfacción ver que os veciños de Fene poden elixir libremente as autoridades que os han rexer. De maneira pois, que todo o esforzo realizado aquí, por tantos patriotas que ergueron a bandeira da democracia, da ceibe determinación do pobo galego, da liberdade e da elevación da cultura.
Éncheme, de satisfacción, comprobar que os veciños de Fene gozan desa franquicia, desa liberade, o que demostra que a semente caeu en boa terra e que aqueles que traballamos moito por Galicia atopamos que a colleita vai sendo boa e que hoxe os veciños de Fene, supoño e estou case seguro de que é así, viven moito mellor do que viviamos nós cando no ano 1936, e antes do 36, en tantas épocas da nosa patria tivemos qeu emigrar. Por iso penso e sei, case seguro, que Fene é un concello de moito progreso e o feito de que os veciños leven elixindo varios anos, varios períodos ás mesmas autoridades significa que están ben gobernados."
-"Por iso é polo que lles digo ós meus veciños de Fene, ós meus paisano de Fene, que se preocupen das cousas públicas, que se preocupen do progreso de Galicia, que sigan penasndo na democracia, na liberdade, que sexan galegos porque ser galego é unha honra que non tódolos homes merecen. Por iso, meu amigo, eu ós veciños de Fene mándolles unha forte aperta, unha lembranza agarimosa e non teño outra cousa máis que dicirlles que sigan así, que sigan traballando polo Concello e por esa fermosa Galicia na que nos tocou en sorte nacer."
-"Así pois, para min e para tódolos emigrados, o Día de Galiza é a reafirmación categórica, a reafirmación plena de que os glegos eguiremos sendo galegos onde queira que nos atopemos. Vivimos xiunguidos á nosa terra por un xeito de cordón umbilical que é a saudade e aínda que esteamos, como estou eu, a doce mil quilómetros de distancia, tódolos días eu percorro o meu Concello e tódolos días penso na miña terra porque o meu corazón, a miña alma, o meu sentimento e o meu espírito están ahí, segue estando ahí e estarán sempre alí."