Sixeberto I
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Sixeberto I (535 - Vitry, 575) foi un dos fillos de Clotario I e de Ingunda. En 561, á morte do seu pai, ascendeu ao trono de Austrasia, unha das catro partes en que se dividiu o reino de Francia.
Os ávaros, unha feroz tribo nómade relacionada cos hunos, fixeron incursións que lle obrigaron a mover a súa capital de Reims a Metz. Repeleu os seus ataques dúas veces, no 562 e o 568. No 566 contraeu matrimonio con Brunequilda, filla do rei visigodo Atanaxildo. No 567, a morte do seu irmán Cariberto I proporcionoulle o reino de París; ese mesmo ano Galswinta, irmá de Brunequilda e esposa do seu irmán Khilperico I, rei de Neustria, foi asasinada (esganada na súa cama, probabelmente por orde de Fredegunda, amante e futura esposa de Khilperico). Sixeberto decidiu vingar á súa cuñada, comezando así a guerra entre Neustria e Austrasia, que duraría ata 613 e sería continuada polos seus sucesores.
No 573, apoderouse de Poitiers e da Turaine, pero o seu medio irmán Khilperico, así mesmo, obterá conquistas en Aquitania, apoderándose tamén de Reims durante pouco tempo. Asinaron un acordo, que Khilperico incumpriu, e Sixeberto apoderouse do reino do seu irmán no ano 575. Con todo, inmediatamente logo de asumir a coroa, Sixeberto sería asasinado en Vitry por dous sicarios ás ordes de Fredegunda. O seu fillo Khildeberto II, de só 5 anos de idade, sucedeuno como rei de Austrasia.