Ávaros
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Os ávaros (chamados polos chineses: joujan ou you-yan) foron un pobo nómade de Eurasia que emigrou cara a Europa central e oriental no século VI. Dominaron a chaira panónica ata principios do século IX.
Era orixinarios de Asia occidental.
[editar] Historia
Os ávaros dirixíronse cara ao oeste a mediados do século VI, trala derrota dos heftalitas (hunos brancos) polos Köktürks (turcos azuis). Aínda que inicialmente se dirixiron ao Imperio Romano de Oriente, foron subornados polo emperador Xustiniano I e marcharon cara ao norte, internándose na actual Alemaña, como fixera Atila un século antes. Alí atopáronse coa dura oposición dos francos, e o lugar non lles pareceu adecuado para o seu estilo de vida nómade, polo que dirixiron a súa atención cara á chaira panónica, habitada na época por dous pobos xermánicos, os lombardos e os xépidos. Aliados aos lombardos, destruíron aos xépidos en 567 e estableceron un estado no área do Danubio. A continuación comezaron a fustrigar aos lombardos, quen se viron obrigados a emigrar cara ao norte de Italia. O xefe dos ávaros nesta época chamábase Baian, e gobernou aproximadamente entre 565 e 600.
A comezos do século VII os ávaros aliáronse cos persas contra o Imperio Bizantino e en 626 puxeron sitio a Constantinopla, aínda que a denodada resistencia dos seus habitantes obrigounos a se retiraren sen conseguir o seu obxectivo e regresar a Panonia.
A dinastía Onogur foi fundada en torno ao ano 630 por Kubrat , un home de orixe ávaro-búlgara, pertencente ao clan búlgaro Dulio. Uniu aos ávaros, os búlgaros, e probabelmente tamén aos heftalitas Uar nun poderoso Khaganato que dominou tamén extensas áreas da actual Ucraína. Trala morte de Kubrat, os caudillos búlgaros romperon a súa alianza cos ávaros. O estado ávaro subsistiu en Panonia durante os séculos VII e VIII; crese que dominaron aos eslavos que habitaban na zona desde unhas poucas décadas antes da chegada dos ávaros.
A comezos do século IX, as discordias internas e as presións exteriores comezaron a minar o estado ávaro, que foi completamente destruído na década de 810 polos francos de Carlomagno e os búlgaros, mandados por Krum. Sábese que aínda se atopaban en Panonia no ano 871, pero desde entón o seu nome non volve ser mencionado polos cronistas. Parecen que se mesturaron cos eslavos, que formaran novos estados na rexión: o principado de Nitra, no norte (máis tarde: Gran Moravia), e o Principado de Balaton, no centro de Panonia.