Aborto
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Un aborto é a expulsión prematura do útero do embrión ou do feto, o que causa a súa morte. O aborto pode ser espontáneo cando é debido a causas naturais ou provocado cando se realiza á mantenta. Polo común aborto refírese á interrupción do proceso normal de embarazo.
Ó longo da historia, o aborto foi sempre unha materia controvertida polas súas implicacións éticas e morais. Estivo reiteradamente prohibido ou limitado, o que non impedía gran número de abortos ilegais que con moita frecuencia causaban tamén a morte da muller. Nos comezos do século XX algúns países comezaron a despenalizar o aborto nos casos que se realizaba para protexer a vida da nai. En 1920 a Unión Soviética legalizou tódolos abortos, política que se mantivo ata 1936. Islandia foi o primeiro país occidental en legalizar o aborto terapéutico en 1935, seguíronlle os países escandinavos e en 1967 fíxoo a Gran Bretaña e nos Estados Unidos en 1973 a maioría dos estados permitiron o aborto. En España, e polo tanto en Galicia, despenalizouse en 1985.