Tu Fu
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Du Fu (chinés: 杜甫, pinyin: Dù Fǔ), tamén coñecido como Dù Shàolíng (杜少陵) ou Dù Gōngbù (杜工部), (712-770) foi un destacado poeta chinés durante a época da dinastía Tang. O seu nome de cortesía era Zǐ Měi (子美).
Contemporáneo e amigo de Li Bai, a súa poesía tivo, porén, un carácter máis político e social que a de Li Bai. A pesar de suspender os exames imperiais nunha ocasión, chegou a se converter en funcionario do Estado, traballando na corte do emperador Tang Suzong.
A súa vida pasou por moitas vicisitudes, a principal das cales sería a rebelión de An Lushan de 755, que desestabilizou todo o país e obrigou a Du Fu a abandonar, xunto á corte Tang, a capital Chang'an. Pasaría o resto da súa vida en condicións moi precarias.
Debido á orixinalidade da súa obra, non logrou un grande recoñecemento durante a súa vida. Porén, o seu prestixio e fama non cesarían de crecer tras a súa morte, chegando a se converter nun dos máis grandes escritores da historia chinesa, cuxa influencia pasou a xeracións posteriores de poetas tanto na China como no Xapón.