Ría de Arousa
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Ría de Arousa é a máis grande das rías de Galicia. Fai parte das Rías Baixas e está situada entre a península do Barbanza (A Coruña) ao norte, e a península do Salnés (Pontevedra) ao sul. É famosa pola súa riqueza mariñeira e as súas praias.
Os lugares máis destacables son: A Illa de Arousa, co parque natural de Carreirón, as illas de Cortegada e Sálvora, que son parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas e O Grove coa Illa da Toxa.
Régana os ríos Ulla e Umia. As poboacións máis importantes son Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo ao Norte e Vilagarcía, Vilanova, Cambados e O Grove ao Sur. É famosa pola súa riqueza mariñeira e as súas praias.
A súa costa meridional empeza a desenvolverse a partir do estuario do Río Ulla, entre Rianxo e Carril. Este fondo da ría ten un aspecto lacustre, debido á tranquilidade das augas, protexidas do mar aberto pola Illa de Arousa, e a suavidade do litoral. O centro desta zona é a vila populosa e industrial de Vilagarcía. Un segundo sector estará formado pola costa que vai dende a punta das Sinas, ata a Illa da Toxa. A histórica e monumental vila de Cambados é o principal punto de referencia, e os accidentes costeiros sobresalientes son o seno da desembocadura do Umia e a enseada do Grove, tamén de aspecto lacustre. A península do Grove ten a braveza do mar aberto que case non paran nin o vento nin o mar, que se fai notar na súa costa e praias.
A profundidade tamén oscila entre os 70 m na boca da ría e os 20 m na entrada á enseada de Vilagarcía. É a máis profunda e máis ampla das rías galegas, só superada pola Ría de Vigo en lonxitude.
A penetración da Ría é de 26 Km e o ancho moi variable, oscilando desde os 15 Km entre Ribeira e Cambados, e os 3 Km entre a punta de Cabío e A Illa de Arousa.
A principal característica, a parte do sinuoso e recortado litoral, é a infinidade de illas, illotes e rochas que sobresaen por toda a ría.
A ruta marítimo-fluvial pola ría de Arousa e o río Ulla conmemora a chegada a Galicia, por mar, segundo a tradición, do corpo do Apóstolo Santiago o Maior, tralo seu martirio en Xerusalén no ano 44. Santiago foi mariñeiro e pescador de Galilea, apóstolo de cristo, evanxelizador de occidente e mártir. O episodio da súa morte, ordenada por Herodes Agripa, recóllese n’Os Feitos dos Apóstolos, de San Lucas. Antigas tradicións cristiás, reforzadas por varios textos medievais, aseguran que varios dos seus discípulos recolleron o corpo de Santiago, amortallárono e trasladaron ata a costa palestina. No porto de Jaffa un barco posiblemente mercante (unha interesante hipótese fala do caso dunha “Barca ou Barco da pedra, destinado ó comercio regular de mineral de estaño con Oriente) trasladouno, a través de todo o Mediterráneo e da costa atlántica ibérica, ata os confíns de Occidente: un dos lugares onde había predicara o Evanxeo.
Os restos do Apóstolo entraron en Galicia pola ría de Arousa e remontaron o río Ulla, arribando á cidade romana de Iria Flavia (nas inmediacións de Padrón). O texto máis coñecido que narra a “Traslatio” do corpo apostólico desde Jaffa a Iria e desde alí o seu lugar de enterramento, en Compostela, é o célebre Códice Calixtino (S. XII), no seu libro III, capítulo 1.
Polas tradicións orais e os textos medievais que recolleron o acontecemento, sabemos que, despois dun longo viaxe, iniciado no extremo oriental do Mediterráneo e concluído no occidente do mundo coñecido, Santiago reencontrábase definitivamente coa terra onde difundira o seu legado evanxélico. Parece significativo que a representación máis antiga da barca apostólica co corpo de Santiago apareza nunha moeda do século XII achada no Adro Vello (O Grove).
Os discípulos que acompañaron o corpo de Santiago ata Galicia, Teodoro e Atanasio, tiveron que agudiza-lo seu enxeño ó enfrontarse coa terquidade da raíña Lupa e a furia dos romanos acantonados na desaparecida cidade de Dugium, próxima a Fisterra. Pero ó final venceron os perigos e lograron un lugar digno que servira de enterramento ó seu mestre. O lugar elixido para situa-lo sepulcro xacobeo, nas inmediacións dunha encrucillada de camiños, quedou cuberto durante séculos pola maleza do bosque Libredón. Este silencio quedou roto no século IX, cando o monxe eremita Paio e o bispo de Iria, Teodomiro, descobren a prezada tumba e, coa axuda do rei Afonso II o casto, reorganizan e realzan o culto a Santiago o Maior.
A “Traslatio”, a través da ruta marítima do Apóstolo, segue sendo un acontecemento vivo que as xentes da Arousa e Ulla rememoran anualmente. A finais de xullo o principio de agosto de cada ano, o comité de alcaldes desta ruta xacobea (hoxe Fundación Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Ulla) en colaboración coas autoridades da Mariña, a igrexa de Santiago de Padrón e armadores e pescadores da zona, organizan unha procesión marítimo-fluvial que arriba Pontecesures e Padrón (varias ducias de barcos repletos de público), onde ten lugar un acto relixioso.