Parque Nacional das Illas Atlánticas
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
As chamadas Illas Atlánticas (Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada) convertéronse o 13 de xuño do 2002 no primeiro Parque Nacional de Galiza, (décimo terceiro de España) cunha extensión de 1.200 hectáreas terrestres e 7.200 marítimas. Recibe a denominación de Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galiza.
As illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada, que están situadas nas Rías Baixas, están declaradas zonas de interese xeral pola singularidade da súa flora, fauna, xeomorfoloxía e paisaxe que as converten en Patrimonio Natural e Cultural de indubidable valor científico, recreativo e educativo.
A delimitación territorial deste parque nacional realizouse en función da singularidade e riqueza faunística que alberga, a variedade das súas formacións vexetais e a súa espectacularidade paisaxística.
Quedaron fóra do Parque Nacional das Illas Atlánticas as de Lobeiras, Sisargas e San Simón, e as franxas terrestres da Costa da Morte, Cabo Udra, San Adrián, Costa da Vela e o complexo dunar de Corrubedo, entre outras, aínda que non se descarta unha posible ampliación.