Misión Apolo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Así se define un proxecto que se levou a cabo entre o febreiro de 1966 e decembro de 1972. Eran 17 misións, e de entre elas, 11 tripuladas. O tempo total estimado das mesmas era de 2719 horas e 29 minutos. De entrada publicárase un resumo de toda a cronoloxía en xeral (cos aspecto máis salientables).
[editar] Algo da Historia
Para os experimentos Apolo, o equipo das misións estaba deseñado para recolle-la máxima información posible sobor da Lúa. A maior parte do material quedouse alí para seguir recollendo información trala partida dos astronautas. Os ALSEP (siglas para nomea-los grupos de experimentos centíficos na superfice luar do programa Apolo) tiñan os seus xeradores propios e radiotransmisores para envia-los resultados á Terra. Os astronautas recolleron mostras das rochas e do solo. Analizáronse na Terra e comprobouse que a Lúa contén elementos similares ós da Terra.
A nave espacial Apolo, estaba formada por tres seccións. Un módulo de mando onde estaban as provisións e o aloxamento dos tres astronautas, que tiñan o espazo xusto. Un módulo de servicio onde estaba o motor principal da nave, que xeraba a enerxía eléctrica necesaria e controlaba o sistema de soporte vital da tripulación. A terceira sección era o módulo lunar co que os astronautas viaxaron á Lúa constituíu o seu fogar durante a visita. Non tiña ningún tipo de asento, só o espacio xusto para que coubesen dous astronautas de pé. Unha vez na Lúa saían a explora-la superficie. No voo de regreso á Terra, o módulo de servicio era abandonado e os astronautas regresaban no módulo de mando. Nas derradeiras misións do Apolo xa se incluíu outra parte máis experimental do programa; estas eran os vehículos lunares. O vehículo lunar, tamén chamado "rover", era un coche pregable con tracción ás catro rodas e alimentado por baterías. Tiña unha velocidade máxima de só 14 km/h e ía equipado con cámaras para grava-las misións, antenas e bolsas para recolle-las mostras de solo. Chegou á Lúa fixado ó exterior do módulo lunar.
A primeira vez que o módulo lunar do Apolo viaxou ó espazo foi en marzo 1969, cando os astronautas do Apolo 9 practicaron nunha órbita terrestre as futuras operacións do alunizaxe: o acoplamento, o desacoplamento e a propulsión do módulo lunar. Dous meses despois o Apolo 10 voou ata a Lua e o módulo descendeu ate situarse a 8 quilómetros da superfice. O único que non se fixo nesta misión foi alunizar. Pero estas misións non terían o seu froito se non se dispuxese dun foguete que fose o encargado de saca-lo artello fóra da gravidade da Terra. Despois de diversas probas con varios modelos, e de varios experimentos, xurdiu o Saturno V que, despois dalgunhas modificacións sobor das probas, comezou a ser construído para as misións Apolo; foi un dos máis potentes da historia. Obtivo excelentes resultados, dos que se poden contar 13 lanzamentos sen ningún fallo, nin sequera nos voos de proba. O Saturno V situaba primeiro as naves Apolo na órbita e logo as impulsaba coa terceira e última fase, que as colocaba na traxectoria correcta cara a Lúa. Os cinco motores da primeira fase do foguete Saturno V consumían 12,9 toneladas de combustible por segundo. A forza propulsora xerada por los cinco motores era de 168.600 newtons, o que equivale ó empuxe de 160 reactores de Boeing 747. O peso total do Saturno V no momento do seu lanzamento, incluído o combustible, era de 3.000 toneladas. A historia do Saturno V é moi longa e se botamos unha ollada á súa familia, entón cabería dicir que temos Saturno V para rato.
Tan só neste artigo trataremos de resumila un pouco. O Saturno I soamente serviu para poñer a punto os elementos que ían permitir a construción dos seguintes foguetes da familia. Era un foguete de 2 etapas e de 590 toneladas lanzado por vez primeira no 29 de xaneiro de 1964 en modo experimental. Xa no 1966, as melloras deste foguete fixéronlle denomina-lo Saturno IB; fixo o seu lanzamento completo o 26 de febreiro de 1966. Tiña unha altitude de 69 metros, o diámetro era 6,60 metros e o seu peso seguía sendo de 590 toneladas. Das 2 etapas en que estaba feito, a primeira estaba chea de propergol (unha mestura feita por queroseno e osíxeno líquido que seguiría a utilizarse para o resto da familia). Dispuña de 8 motores principais e tiña un empuxe de 745 toneladas. A segunda etapa tiña un motor principal que consumía como propergol una mestura de hidróxeno e osíxeno líquido cun empuxe de 90,5 toneladas. A súa carga útil podíase ver deste xeito: satelización a 180 quilómetros do solo: 18 toneladas; sonda lunar: 5 toneladas e sonda ate Marte ou Venus: 2 toneladas. Polo contrario o Saturno V aproveita os motores e outras cousas dos antecesores, facendo del un lanzador de xigantescas dimensións; as que require para levar a cabo a misión Apolo. Para darse unha idea da súa magnitude con relación os anteriores Saturno, este incluía unha terceira etapa. Fixo o seu lanzamento completo o 9 de novembro de 1967 (lanzando a o espazo o Apolo 4), medía 111 metros de altitude e o seu diámetro máximo era de 10 metros cun peso de 2940 toneladas. Na primeira etapa, pesaba en baleiro 134 toneladas; podía acumular un peso de propergol de 2106 toneladas. En canto a propergol, como xa dixemos: queroseno e osíxeno líquido. Estaba dotada de 5 motores principais que daban un empuxe de 3500 toneladas. Na segunda etapa; o seu peso en baleiro era de 38,4 toneladas, podía levar 447 toneladas de propergol, composto, ó igual que na terceira etapa, de hidróxeno e osíxeno líquido. Dispuña de 5 motores principais cun empuxe de 520 toneladas. Entrados na terceira etapa diremos que pesaba en baleiro 11,5 toneladas, podía levar 120 toneladas de propergol, tiña 1 motor principal e desenvolvía un empuxe de 93 toneladas. A súa carga útil sería a seguinte: satelización a 180 quilómetros do solo: 145 toneladas; sonda lunar: 45 toneladas e sonda ate Marte ou Venus: 20 toneladas. A complexidade do Saturno V faise evidente. E máis se temos en conta os seguintes datos. Ademais dos 11 motores principais (dos que 10 -5 na primeira etapa e 5 na segunda- son do modelo F-1, namentres que o da terceira etapa era un J-2) que serven para propulsa-lo ten outros 30 motores auxiliares, para a súa estabilización, separación de etapas, etc. Durante o proceso de despegue do Saturno V calcúlase que o 5 % da potencia dos motores se converte en enerxía acústica. Así, nada menos que o equivalente de 200.000 quilovatios vanse no ruído. A ter en conta para facerse unha idea do ruído destes motores e, como xa mencionamos antes: os F-1 dispuñan dunha altura de 5,5 metros, un diámetro de 3,8 metros que chegaba a 4,30 metros na tobeira. O seu peso viña sendo de 9,1 toneladas e a súa forza de empuxe de 771 toneladas; cun impulso de 260 segundos. Queimaba a mestura de propergol do seguintes xeito: 790 quilos/segundo de queroseno como combustible con 1790 quilos/segundo de osíxeno líquido como comburente. Isto exercía unha presión na cámara de 68 quilos/centímetro cadrado, poñéndose a unha temperatura de 3900 graos. O seu tempo de funcionamento máximo era de 150 segundos. Mentres que o motor da terceira etapa, un J-2 dispuña dunha altura de 3,4 metros, un diámetro de 2 metros que chegaba a 1,95 metros na tobeira. O seu peso viña sendo de 1,6 toneladas e a súa forza de empuxe de 102 toneladas; cun impulso de 424 segundos. Queimaba a mestura de propergol do seguintes xeito: 37 quilos/segundo de hidróxeno como combustible con 204 quilos/segundo de osíxeno líquido como comburente. Isto exercía unha presión na cámara de 54 quilos/centímetro cadrado, poñéndose a unha temperatura de 3178 graos. O seu tempo de funcionamento máximo era de 140 segundos reducíndose a 360 segundos despois. Este programa custou a frioleira de máis de 25.000.000.000 millóns de dólares.
[editar] Resumo
A continuación ofrécese un resumo (xa que cada parte merece un profundo estudo por separado), déixase claro que o seguinte termo que vai tratar as misións Apolo (dende a 01 ate a 17) se exporá da seguinte forma: Nome da misión (de cara ó público), nome do lanzador, código de lanzamento (aquí figura o tipo de lanzador e mailo número de misión, exemplo -AS-201-: siglas AS, (Apolo Saturno), tipo de lanzador 2, número de misión lanzador 01)
[editar] Apolo 01. Saturno 1B. AS-201
Sábado, 26 de febreiro de 1966, o foguete Saturno 1B, da misión AS-201, lanzouse dende a torre 34 do complexo de lanzamentos de Cabo Cañaveral (Florida); eran as 11:12:01 AM na Costa Leste. A misión realizouse sen tripulación, era un voo suborbital de proba de baixo rango. Só estivo en funcionamento preto de 37 minutos (00:36:59), alcanzando unha altitude de 488 Km., e a súa cápsula foi recollida no Océano Atlántico a uns 8.472 km. de distancia do seu lanzamento.
Os seus obxectivos principais eran confirma-la integridade estrutural da combinación do vehículo e da nave espacial de lanzamento e controla-la operatividade de seus sistemas. O perfil da traxectoria foi deseñado tal que un vehículo sería acelerado a unha altitude relativamente alta e despois conducido novamente dentro da atmosfera da terra, causando altas cargas de temperatura, dando por resultado unha aterraxe perceptiblemente distante do punto do lanzamento; tamén se verificaron as operacións da propulsión do Saturno, enderezo e control e os subsistemas eléctricos.
[editar] Apolo 1. Saturno V. AS-204
No venres, 27 de xaneiro de 1967, os inicios do programa Apolo foron certamente tráxicos. O Apolo 1, que debía se-lo primeiro da serie, foi víctima dun incendio ó saltar unha chispa mentres os astronautas Virgil "Gus" Grissom, que era o primeiro astronauta en viaxar nas tres misións, Mercury, Geminis e agora no Apolo, Edward White e Roger Chaffee probaban os sistemas do módulo de mando da nave. A atmosfera da cápsula era de osíxeno puro, un gas moi inflamable. O lume estendeuse rapidamente e os astronautas morreron sen posibilidade de escape. Despois daquela catástrofe, modificouse o deseño da nave Apolo para evitar outro accidente similar e engadiuse unha saída de emerxencia.
Eran as primeiras horas da tarde, Virgil I. Grissom, Edward H. White II e Roger B.Chaffee practicaron unha simulación de lanzamento para unha misión AS-204 de 14 días na órbita terrestre. Xa pasaran un ano de entrenamento perturbado por avarías constantes do simulador de voo do módulo de mando. Viran retrasada a entrega da súa nave, en particular porque o sistema de climatización tivo que ser remprazado. Xurdiron problemas de novo, cando Grissom se queixaba dun forte olor a leite na atmosfera da cabina. Estaba programado un ensaio de evacuación de urxencia, pero os pilotos non tiveron tempo de cumprilo. Momentos despois ás 18 horas 31 minutos, morreron no incendio que se esparexeu brutalmente na cabina. Pasaran ó redor de cinco minutos cando puideron abri-la trampilla exterior. Sospeitouse dun cable defectuoso e a mala calidade da realización, pero non se puido descubri-la orixe exacta do incendio.
A N.A.S.A. obrigou a estudar ó subcontratista unha versión mellorada da nave. Unha trampilla de acceso de mando mecánico remprazou ás dúas trampillas interiores e exteriores fixadas por dous pernís. Outra modificación levouse a cabo sobor da atmosfera utilizada cando a nave xa se atopaba na área de lanzamento. E substituíse por unha mestura de 60 % de osíxeno e 40 % de nitróxeno a presión normal, o osíxeno puro a 115 quilopascais. O nitróxeno purgaríase despois do lanzamento.
O primeiro Apolo sufrira unha traxedia pero quedaban elementos positivos. Nas seguintes misións do Apolo non houbo tripulantes e, a pesar de mante-lo nome da misión baixo o de Apolo, na realidade non foron como tal ata a Apolo 7.
[editar] Apolo 2. Saturno 1B. AS-203
Era martes, 5 de xullo de 1966, a misión do Apolo 203 lanzouse dende a torre 37-B, no complexo de lanzamentos de Cabo Cañaveral (Florida), eran as 10:53:17 AM na Costa Leste, realizouse sen tripulación. O propósito básico da misión de Apolo - Saturno 203 era lanzar e inserir un S-1VB modificado nunha órbita circular con hidróxeno líquido nos depósitos a bordo para avalia-lo respiradoiro e o motor do hidróxeno e os seus sistemas nun ambiente orbital de ingravidez. Durante a cuarta órbita, as presións internas acumuláronse na etapa do S-1VB mentres se realizaba unha proba do diferencial de presión. As presións acumuláronse en exceso e unha das etapas quedou esnaquizada. Malia iso, alcanzáronse tódolos obxectivos da misión. Os obxectivos primarios incluíron a avaliación do sistema de presión continuo do S-1VB LH2, a evolución do motor e os seus sistemas da recirculación da determinación da dinámica do líquido do tanque, e o sinal dunha cámara de televisión. A súa cápsula perdeuse polas Bermudas, non puido ser recuperada.
[editar] Apolo 3. Saturno 1B. AS-202
O xoves, 25 de agosto de 1966, o Apolo 3, lanzouse sen tripulación, ás 01:15:32 PM dende a torre de lanzamentos 34 en Cabo Cañaveral en (Florida), alcanzou unha altitude de 1.143 quilómetros e a súa cápsula amarou no Océano Atlántico, a uns 370 Km. do punto definido. Tiña o obxectivo de avalia-lo funcionamento do protector de calor da nave durante a reentrada. O voo de avaliación non durou 34 minutos (00:33:28).
[editar] Apolo 4. Saturno V. AS-501
Un xoves, 9 de novembro de 1967, o Apolo 4, lanzouse, ás 07:00:01 AM na Costa Leste dende a torre 39-A de Cabo Cañaveral, era unha misión orbital non tripulada levouse a cabo o primeiro voo de proba Apolo Saturno, amarou no Océano Atlántico, o seu punto de impacto só se desviou 16 Km. do lugar previsto. A misión durou 8 horas, e case 37 minutos (08:36:59). Na que se fixo a avaliación de Módulo de Comando na reentrada e no retorno lunar. Nesta misión probouse de novo o foguete Saturno V, no cal se fixeran reformas, e como dixemos, foi construído para as misións Apolo, foi un dos máis potentes da historia. Obtivo excelentes resultados.
[editar] Apolo 5. Saturno 1B. AS-204
Luns, 22 de xaneiro de 1968, o Apolo 5, lanzouse ás 05:48:08 PM. na Costa Leste, dende a torre 37-B, en Cabo Cañaveral, foi unha misión non tripulada, realizouse a primeira proba do Módulo Luar do Apolo nunha órbita terrestre realizando 4 órbitas. Non se puido recupera-la cápsula de mandos.
[editar] Apolo 6. Saturno V. AS-502
No xoves, 4 de abril de 1968, o Apolo 6, lanzouse ás 07:00:01 AM. na Costa Leste dende a torre de lanzamentos 39-A en Cabo Cañaveral (Florida), o voo de proba non tripulado en que culminou nesta misión foi o segundo cun foguete Saturno V. Aínda que o vehículo de lanzamento tivo problemas, a nave Apolo funcionou correctamente, cun Apoxeo de 367 quilómetros e un Perixeo de 178 quilómetros aterrou no Océano Pacífico, xusto no punto definido e recuperado polo buque Okinawa do U.S.S Os cinco motores da primeira fase do foguete Saturno V consumían 12,9 toneladas de combustible por segundo. A forza propulsora xerada por eses cinco motores era de 168.600 newtons, o que equivale ó empuxe de 160 reactores de Boeing 747. O peso total do Saturno V no momento do seu lanzamento, incluído o combustible, era de 3.000 toneladas. A misión durou 10 horas e case 23 minutos (10:22:59).
[editar] Apolo 7. Saturno 1B. AS-205
Un venres, 11 de outubro de 1968, ás 11:02:43 AM. na Costa Leste partía o Apolo 7, dende a torre de lanzamentos 34 de Cabo Cañaveral, realízase o primeiro voo tripulado do proxecto Apolo mediante o sistema propulsor Saturno1B, na súa primeira proba con tripulación. Os astronautas Walter M. Schirra (Comandante), R. Walter Cunningham (Piloto da Módulo Lunar) e Donn F. Eisele (Piloto do CSM). Donn foi substituído no Apolo 1, por unha lesión no ombro nun simulador. O Módulo de Comando fora redeseñado despois do incendio en que perderan a vida Grissom, White e Chafee.
A primeira etapa do Saturno IB acéndese durante 2 minutos 25 segundos antes de soltarse e que se acendera a segunda etapa S-1VB, que por primeira vez era impulsada con hidróxeno líquido. Cinco minutos despois do lanzamento, Schirra dixo: "Está cabalgando como nun soño..". Cinco minutos despois o Apolo 7 acadou unha órbita elíptica de 225,308 por 294,509 quilómetros sobre a superfice da terra.
Durante o voo, que durou case 11 días (10 días, 20 horas, 09 minutos e 03 segundos) deron 163 voltas arredor da Terra, comprobando o funcionamento dos dous equipos (módulo de mando e módulo lunar), facendo fotografías e transmitindo imaxes de televisión. Os médicos puideron estudia-lo comportamento do organismo humano nunha longa permanencia no cosmos. A amaraxe foi ó suroeste das Bermudas, a case dous quilómetros do punto previsto, nas coordenadas 27 graos 32 minutos Norte e 64 graos 04 minutos Oeste. A tripulación foi rescatada por un helicóptero e levada a bordo do Essex dos U.S.S.
[editar] Apolo 8. Saturno V. AS-503
Sábado, 21 de decembro de 1968, o foguete foi lanzado ás 07:51:00 AM. na Costa Leste dende a torre 39-A, no Centro Espacial Kennedy, o día 21 e tres días despois estaba en órbita lunar. A tripulación da misión Apolo 8, pasou á historia por se-la primeira en escapar á gravidade terrestre e realizar un viaxe de case 400.000 quilómetros ata a Lúa dando dez voltas arredor da mesma. Os astronautas Bormam, Lovell e Anders dedicáronse a localizar posibles lugares de aluaxe. Neste intre a misión consistía en aplicar unha inxección translunar ás 02:56:05.5 horas facendo que a nave alcanzase 376.745 quilómetros de distancia máxima da Terra; inxección en órbita lunar ás 69:08:20 horas que faría que a nave orbitase a 312 quilómetros por 111 quilómetros da Lúa; despois de facer 20 horas e 10 órbitas o redor do satélite recibe unha nova inxección transterrestre ás 89:19:17 horas que devolve a nave cara a Terra.
Os tres astronautas do Apolo 8, Frank Boorman (Comandante), James Lovell e William Anders, foron os primeiros en facer un voo arredor da Lúa. Na súa volta puido comprobarse que o sinal do módulo non chegaba a terra cando este pasaba por detras do satélite. O control de terra tivo que esperar a que a nave reaparecera para comprobar que todo funcionaba correctamente. Os astronautas do Apolo 8 foron os primeiros en presencia-lo orto da Terra por enriba da Lúa. A nave describiu unha órbita de 190 quilómetros no apoxeo por 180 quilómetros no apoxeo. O tempo da misión estableceuse en 7 días, 3 horas e 42 segundos (147:00:42).
Seis días despois do seu lanzamento, o Apolo aterrou o 27 de decembro de 1968, as 10:52 AM, san e salvo nas coordenadas 8 graos 7,5 minutos Norte e 165 graos 1,2 minutos Oeste, no Océano Pacífico a 2,5 quilómetros do punto establecido. Os tripulantes foron rescatados polo buque Yorktown dos U.S.S. as 12:20 PM.
[editar] Apolo 9. Saturno V. AS-504
Luns, 3 de marzo de 1969, o Apolo 9, despegou ás 11:00:00 AM dende a torre 39-A, tripulado por McDivitt, Scott, Schweickart, a seu principal obxectivo era realizar probas de separación, atopo e acoplamento do Módulo Luar (ML) de aterrizaxe, en órbita terrestre, pilotado por primeira vez no espacio por McDivitt nunha misión de 151 voltas á Terra. Durante un paseo espacial de 38 minutos, Schweickart probou por primeira vez o sistema de soporte vital do Apolo. Antes do aluizaxe. A nave describiu unha órbita de 192 por 190 quilómetros. Esta era a primeira vez que o módulo luar viaxa ó espacio e os astronautas do Apolo 9 practicaron nunha órbita terrestre as futuras operacións do aluizaxe: o acoplamento, o desacoplamento e a propulsión do Módulo Luar chamado Spider que estaba aloxado na segunda etapa do Saturno. Despois do acoplamento as dúas naves separáronse ate unha distancia duns 160 quilómetros. O Módulo Luar foi probado, os seus motores acendéronse para alcanzar unha nova órbita, separouse da etapa inferior de aluizaxe e acoplouse de novo no Apolo chamado Grumdop. Aterraron o día 13 de marzo de 1969 as 12:01 PM no Océano Atlántico nas coordenadas 23 graos12,5 minutos Norte e 67 graos 56 minutos Oeste. A tripulación foi rescatada, 12:45 PM polo buque Guadacanal dos U.S.S. A misión había durado 10 días e 1 hora. Compre salentar que a misión tivo algún feito non previsto, tal é o caso que causou preocupación no que o piloto do ML, Russell L. Schweickart, vomitara en dúas ocasións.
[editar] Apolo 10. Saturno V. AS-505
No sábado, 18 de maio de 1969, o voo do Apolo 10, partiu dende a torre de lanzamentos 39-A do Centro Espacial Kennedy as 12:49 AM, levaba a bordo ó astronauta Stafford, ó capitán de corbeta John W. Young e ó capitán de fragata Eugene A. Cernan, deu 31 voltas á Lua, en preparativos para a posterior aluizaxe, nunha órbita de 190 por 184 quilómetros. Segundo estaba planeado, Stafford e Cernan trasladáronse dende o Módulo de Comando "Charlie Brown" do Apolo (MC) ó Módulo Luar, chamado Snoopy co que descenderon ata unha distancia de 8 quilómetros da superfice da Lúa, mentres o astronauta Young pilotaba o módulo de comando. Despois, na fase ascendente, realizaron con éxito as maniobras de aproximación e acoplamento ó Módulo de Comando, entraron nel e abandonaron o módulo lunar, encendendo os foguetes para regresar á Terra. A misión durou 8 días, 3 minutos e 23 segundos (192:03:23).
Amenizaron no Océano Pacífico nas coordenadas 15 graos 2 minutos Sur e 164 graos 39 Oeste o día 26 de maio de 1969, as 12:52 AM, e os tripulantes foron rescatados as 1:31 PM polo buque Princeton dos U.S.S. O programa Apolo estaba xa listo para levar astronautas á Lua.
[editar] Apolo 11. Saturno V. AS-506
Mércores, 16 de xullo de 1969, o 16 de xullo despegou a histórica nave Apolo 11, eran as 09:32:00 na Costa Leste, partiu dende a torre 39-A do Centro Espacial Kennedy na Florida, Unha vez na órbita lunar, (de 186 por 183 quilómetros) Edwin E. Aldrin (Piloto do CSM) e Neil A. Armstrong (Comandante) trasladáronse ó módulo lunar. Michael Collins (Piloto do Módulo Lunar) permaneceu na órbita lunar pilotando o módulo de control despois da separación, e apoiando as manobras do módulo lunar. Este último descendeu á Lúa e pousouse sobre a súa superfice o 20 de xullo, a borde do Mar da Tranquilidade (nas coordenadas 71 graos Norte e 23,63 graos Leste), enviouse a seguinte mensaxe a Terra “Houston, aquí Base Tranquilidade. A Aguia aluou”. Horas máis tarde, Armstrong descendeu por unha escaleiriña co seu traxe espacial e puxo o seu pe sobre a Lúa. As súas primeiras palabras foron "este é un pequeno paso para o home, pero un gran salto para a humanidade". Pronto seguiulle Aldrin e ambos os astronautas camiñaron durante máis de dúas horas pola Lúa. As tarefas de carácter científico máis importantes realizadas durante as misións foron a recollida de 21 quilos de mostras do solo, tomaron fotografías e colocaron un artefacto para detectar e medi-lo vento solar, un reflector de raios láser e un sismógrafo. Armstrong e Aldrin cravaron no solo unha bandeira de Estados Unidos e falaron por radio co presidente Richard M. Nixon na Casa Branca. Comprobaron que non era difícil camiñar e correr baixo unha gravidade seis veces menor que a da superfice da Terra. Millóns de persoas puideron seguir en directo a retransmisión vía satélite do acontecemento. Unha vez de volta ó módulo lunar, os astronautas quitáronse os traxes espaciais e descansaron unhas horas antes de despegar. Abandonaron a Lúa en voo vertical deixando na superfice lunar a parte inferior do módulo lunar que actuou como plataforma de lanzamento. Esta plataforma tirouse unha vez acoplados o módulo lunar ó módulo de comando, ó que regresaron os dous astronautas. O regreso do Apolo 11 realizouse sen contratempos e a nave caeu nas augas do Océano Pacífico (coordenadas 13 graos 19 minutos Norte e 169 graos 9 minutos Oeste) as 12:50 PM en onde foi recuperada, as 1:53 PM polo buque Hornet dos U.S.S. cerca de Hawai, o 24 de xullo. A misión durou 8 días, 3 horas, 18 minutos e 35 segundos (195:18:35). Ante a posibilidade de que organismos lunares contaminaran a terra, os astronautas vestíronse con traxes de illamento biolóxico antes de saír da nave e foron sometidos a unha corentena de tres semanas. A súa saúde non se viu afectada. O programa Apolo foi de considerable importancia na industria americana, xa que agrupaba, no momento de máxima actividade, a 20.000 sociedades e a máis de 350.000 persoas de forma directa.
[editar] Apolo 12. Saturno V. AS-507
Venres, 14 de novembro de 1969. O seguinte voo á Lúa empezou co lanzamento do Apolo 12, dende a torre 39-A de Cabo Cañaveral ás 11:22 AM, levando a bordo ós astronautas Charles Conrad, Richard F. Gordon e Alan L. Bean. Unha vez en órbita lunar, Conrad (piloto e comandante) e Bean (piloto do Módulo Lunar), pasaron a este último. Pousaronse ó norte da cadea montañosa Riphaeus (no Océano das Tormentas, nas coordenadas 3,04 graos Sur e 23,42 graos Oeste), a uns 180 metros do lugar onde o fixera dous anos antes o Surveior 3. Os dos astronautas exploraron as inmediacións, en dúas fases de case catro horas cada unha. Nunha delas ocorreu o seguinte: -¡Hei! ¡Aí está! ¡aí está! ¡Oh, meu deus! ¡Xusto no medio do camiño! ¡Non podo crelo! ¡Sorprendente! ¡Fantástico! "Pete" Conrad xunto ó Surveior 3. No fondo, o módulo lunar Intrepid e unha antena parabólica para transmitir TV e datos á Terra. ¿Quen podería estoupar desa maneira o ver un boneco de neve? Charles "Pete" Conrad ó fin descomprimiu algo do estrés que el e Alan Bean acumularan durante un descenso esixente, de precisión, sobre o Océano das Tormentas, a uns 1.300 quilómetros da Base Tranquilidade que catro meses antes instalaran Armstrong e Aldrin na Lúa. Eran os primeiros minutos do 18 de novembro de 1969 e a Apolo 12 aprestábase a concreta-lo segunda aluada tripulada da historia. A man de Conrad vai cara a cámara de TV do Surveior. Mentres Richard Gordon orbitaba a Lúa no módulo de comando Yankee Clipper, Conrad e Bean debían pousa-lo módulo de descenso Intrepid a corta distancia da Surveior 3, unha sonda que aluara dous anos e medio antes, o 19 de abril de 1967, camiñar ata ela e retira-la cámara de TV para traela de regreso. O Surveior estaba no borde dun suave cráter que, xunto con outros dos arredores, sería visto polos astronautas como o ombreiro dun boneco de neve a medida que se aproximaran á árida superfice. Calquera tolearía de alegría, entón, ó descubrilo alí abaixo, e moito máis "Pete" Conrad, un exultante piloto da mariña que persoalmente elixiu ó novato Bean, o seu amigo persoal, ademais, como compañeiro de camiñata lunar aínda pese á veteranía do terceiro a bordo, Gordon. O Intrepid aluou a menos de 200 metros do Surveior e alí permanecería as seguintes 31 horas e 31 minutos. A mesma noite da chegada, na segunda camiñata, acercáronse á sonda e cuns alicates especialmente fabricados arrincaron a cámara de TV. Pódese dicir que as transmisións da cámara de TV foron interrompidas ao pouco tempo por un defecto nela. Realizaron probas centíficas, tiraron fotografías, recolleron mostras de solo lunar e leváronse algúns elementos da sonda Surveior 3 para examinalos de camiño á Terra. Despois de despegar e acoplarse á nave que pilotaba Gordon, amerizaron con éxito as 15:58 PM no Océano Pacifico a 7,25 quilómetros do punto de contacto e foron recollidos o luns, 24 de novembro polo U.S.S. Hornet. Tamén foron sometidos a corentena. O Apolo 12 supuxo un gran adianto respecto do Apolo 11, en especial na precisión do aluaxe, o que levou a planea-la posibilidade de que o Apolo 13 aluara en terreo máis accidentado. A misión durou 10 días, 4 horas, 36 minutos e 25 segundos (244:36:25).
[editar] Apolo 13. Saturno V. AS-508
O sábado, 11 de abril de 1970, foi lanzado ó espacio o Apolo 13, levando a bordo ó veterano Lovell, que era o astronauta con máis horas no espacio (572) antes de enrolarse nesta misión. Estivo no Xéminis 7, no Xéminis 12 e tamén no Apolo 8, xunto con Fred W. Haise e a John L. Swigert. O foguete despegou nunha data que sumada daba trece (11/4/70), a seu lanzamento produxose ás 13:13 e a súa entrada en órbita ocorreu en día trece. Eran as 22:00 na Costa Oeste, o Apolo estaba a 370.000 quilómetros da Terra, con destino de aterrar na rexión lunar de Fra Mauro, unha explosión fería de morte á nave. O Apolo viaxou cego sen rumbo pola órbita translunar. O vehículo estivo moi cerca do desastre cando se avariou en voo un tanque de osíxeno. Instantes despois soaba no Centro Base da N.A.S.A. a seguinte comunicación: «Houston, temos un problema» O Apolo 13 e a súa tripulación ía a se-la terceira en pisa-la Lua. Nunca o fixo. Un faio nun dos tanques de osíxeno do foguete -similar ó detectado na Mir- foi o comenzo das 90 horas máis largas da carreira espacial. Foi tamén o día en que o astronauta Jack Swigert pronunciou unha frase histórica: «Houston, temos un problema». O segundo tanque de osíxeno había explotado e a fonte elemental para que a tripulación respirase acabarase. Dende o Centro Espacial de Houston deseñouse un plan de emerxencia para que os cosmonautas James A. Lovell, Fred W. Haise e John L. Swigert volveran sans e salvos a súas casas. Consistía en que se utiliza-los sistemas do módulo de mando para a navegación, corrección de rumbo e regreso a Terra, despois de ter dado a volta a Lua, sen poder aterrar nela. Apagáronse tódolos mecanismos que puideran restar enerxía á nave e se viviron momentos de gran tensión debido ás dificultades de recupera-la órbita con destino á Terra, pero finalmente a tripulación aterrou con éxito. O venres, 17 de Abril de 1970, aterrou a 6,4 quilómetros da illa Pago Pago, no sur do Océano Pacífico e foron recollidos polo U.S.S. Iwo Jima as 1:07 PM. A pesardes do incidente a Nasa, calificou este voo como un fracaso exitoso debido ás experencias obtidas no rescate de volta a casa da tripulación. A misión durou 5 días, 22 horas, 54 minutos e 41 segundos (142:54:41). Anos despois a polémica deste desastre todavía esta entra a opinión pública, ate tal punto de que os mestres dos cine fixeron unha película como mesmo titulo sobor dos datos da misión. Non oubo quen faltou que dixo que o titulo da película era errado pois non “debera de ser Apolo 13, senón, A pelo 13; ou mellor dito, A-pelo 3, na honra dos astronautas da misión”.
[editar] Apolo 14. Saturno V. AS-509
Domingo, 31 de xaneiro de 1971. O Apolo 14 retomou a fallada misión da seu predecesor e foi lanzado o 31 de xaneiro dende a torre 39-A do Centro Espacial Kennedy as 16:03 PM. Despois de efectua-las modificacións necesarias para evitar fallos como o ocorrido no Apolo 13. Shepard e Edgar D. Mitchell alunizaron con éxito co Módulo Luar "Antares" sobre a accidentada zona do cráter Fra Mauro (nas coordenadas 3,65 graos Sur e 17,48 graos Oeste), de onde recolleron numerosas mostras de roca dunha rexión diferente ás que xa habían explorado. Mentres que o astronauta Stuart A. Rossa permanecía en órbita lunar pilotando o Módulo de Comando "Kitti Hawk". O voo fíxose famoso porque antes de saír da Lua, Shepard ( que sacou dun dos petos do traxe espacial unha bola de golf e a golpeou cunha extensión de recolle-las rocas, segundo súas palabras a bola voou e voou varios quilómetros) e Mitchell, estiveron máis de nove horas explorando a zona, na que se atoparon os fragmentos de roca máis antigos, recollendo uns 43 quilos de mostras xeolóxicas e instalando instrumentos centíficos. Regresaron sen problemas á Terra o 9 de febreiro de 1971, onde aterraron a 7 quilómetros do punto prefixado as 4:05 PM, no Océano Pacifico. Foron recollidos polo U.S.S. New Orleans e o 12 de febreiro foron sometidos en Houston a unha corentena ate o 26 do mesmo mes. A misión durou 9 días (216:01:57).
[editar] Apolo 15. Saturno V. AS-510
Luns, 26 de xullo de 1971. O Apolo 15 foi lanzado, dende a torre de lanzamentos 39 do Centro Espacial Kennedy, na Florida, levando a bordo a David R. Scott (Piloto de probas da Forza Aérea, que voou ademais na Xéminis 8 (1966) e no Apolo 9 (1969). Usou o primeiro automóbil lunar chamado “Moon Rover”, como comandante .James Benson Irwin (Piloto da Forza Aérea, debutou coa aluaxe). (Soltou unha pluma e un martelo para demostrar que, como predixo Galileo, caían á mesma velocidade no valdeiro), como piloto do Módulo Luar “Falcon” e a Alfred M. Worden como piloto do Módulo de Comando “Endeavour”. Despois de aterrar no Hadley-Apennine (nas coordenadas 26,08 graos Norte e 3,66 graos Leste). Scott e Irwin pasaron dous días na Lúa e 18 horas fóra do Módulo, á beira do Mar Imbrium, próximos á fisura de Hadley, de 366 m de profundidade, e á cadea montañosa dos Apenninos, unha das máis altas da Lúa. Durante a súa exploración da superfice lunar, de 18 horas e 37 minutos de duración, recorreron máis de 28,2 km cun vehículo eléctrico de exploración lunar de catro rodas o “Moon Rover”. Instalaron instrumentos centíficos e recolleron uns 91 quilos de rocas, entre elas o que se pensaba que era unha mostra cristalina da cortiza orixinal da Lúa, dunha antigüidade duns 4.600 millóns de anos. A tripulación do Apolo 15 deixou unha cámara de televisión para retransmiti-lo despegue de Irwin e Scott, e antes de deixa-la órbita lunar soltaron un subsatélite de 35,6 kg, deseñado para transmiti-la información sobre os campos magnéticos, gravitacionais e de alta enerxía do espazo lunar. Durante a seu regreso, Worden realizou un paseo espacial de 16 minutos, cando a nave estaba a 315.400 quilómetros de distancia da Terra, unha distancia récord para os paseos espaciais realizados ata entón. Os astronautas de Apolo 15 amararon sen problemas o 7 de agosto, a uns 530 quilómetros ó norte de Hawai e 10 quilómetros do punto de contacto, foron recollidos polo U.S.S. Okinawa, foi a primeira tripulación de volta da Lúa que non se someteu a corentena. A misión durara 12 días, 17 horas, 11 minutos e 53 segundos (295:11:53).
[editar] Apolo 16. Saturno V. AS-511
Domingo, 16 de abril de 1972. Os astronautas Young, (Piloto naval, voou, ademais, nos Xéminis 3 e 10n no Apolo 10 e dúas veces no transbordador -1981 e 1983-). É o astronauta máis antigo en actividade. Duke (Piloto da Forza Aérea, este foi o seu único voo) e Thomas Mattingly partiron cara a Lúa no Apolo 16, dende a torre de lanzamentos 39-A, ás 12:54 PM, do Centro Espacial Kennedy, para explora-los Altos de Descartes e as planices de Cayley. Mentres Mattingly permanecía en órbita, no Módulo de Mando "Casper" os outros dous astronautas pousaronse na zona prevista o 20 de abril, co Módulo Luar "Orión"; a de Descartes-Highlands nas coordenadas 8,97 graos Sur e 15,51 graos Leste. Pasaron 20 horas e 14 minutos na Lúa realizando probas, percorrendo 26,6 quilómetros nun segundo vehículo lunar "Moon Rover", recollendo máis de 97 quilos de mostras de rocas. O Apollo 16 amarou o xoves, 27 de abril. Os seus tres tripulantes, o comandante John Young, o piloto do módulo Tom Mattingly e o piloto do módulo lunar Charles Duke pasaron 11 días, 1 hora, 51 minutos e 5 segundos (265:51:05) no espazo. Amararon no Océano Pacífico central, a 346 quilómetros ó surleste de Christmas Illand e a 5 quilómetros do punto de contacto ás 14:44 PM, recolleunos o U.S.S. Ticonderoga.
[editar] Apolo 17. Saturno V. AS-512
Xoves, 7 de decembro de 1972. O programa lunar de Estados Unidos finalizou co Apolo 17 que partiu ás 12:33: AM. na Costa Leste, dende a torre de lanzamentos 39 do Centro Espacial Kennedy, na Florida. En pouco máis de once minutos (os 11 minutos e 53 segundos) despois da ignición entraba en órbita terrestre. Despois de dar dúas revolucións, as 08:45:37 do tempo universal o Apolo 17 foi insertado en curso translunar. Durante a viaxe de 13 días de duración, o veterano astronauta Cernan (Piloto naval, voou, ademais, na Xéminis 9 e no Apolo 10). Foi o último en deixa-la pegada humana na Lua en calidade de Comandante na chaira de Taurus-Littrow (nas coordenadas de 20,16 graos Norte e 30,77 graos Leste). O xeólogo Harrison H. Schmitt (xeólogo que foi entrenado coma piloto da Forza Aérea especialmente para ir á Lua) como Piloto do Módulo Lunar (foi o único centífico que estivo alí) pasaron 75 horas na Lua, o que marcou o récord de permanencia e recorreron 35 quilómetros no vehículo lunar Rover, explorando a zona do val do Taurus- Littrow, un canón situado xunto ó Mar da Serenidade, mentres Ronald B. Evans permanecía en órbita no Módulo de Mando "América" arredor do satélite, e cinco ratos para estudios. Antes de abandona-la Lúa, Cernan, colocou unha placa conmemorando o final do Programa Apolo de exploración á Lua, este astronauta foi o último en abandona-la Lua. O 19 de decembro, os tres homes regresaron á terra, a súa cápsula caeu ó Pacífico as 2:25 PM, non moi lonxe da illa Samoa, a 6,4 quilómetros do punto previsto. A tripulación foi recollida polo U.S.S. Ticonderoga, 52 minutos mais tarde despois de haber feito unha misión que durou 12 días, 13 horas e 52 minutos (301:52:00). o que marcaba o fin dun dos capítulos máis significativos da historia do home, segundo dixo entonces o presidente dos Estados Unidos, Richard Nixon. Iste último lanzamento custou máis de 450 millóns de dólares
[editar] Nota a ter en conta
Unha aclaración: no Apolo 1 reséñase unha data que non vai dacordo coa nomenclarura dos Apolo; elo ven a que este ía se-lo primeiro voo tripulado, no que se empregaba o novo lanzador, o Saturno V. A NASA denominouno dese xeito en honra da xente que morreu no transcurso das probas. Cabe dicir que o proxecto Apolo, continuou con dúas misións máis. Non foron misións de exploración na Lúa, senón acoplamentos da nave Apolo coa nave Soyuz o que a historia se referiría a elas co nome de Apolo-Soyuz, pero iso, como xa dixemos é outra historia.