Homo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Homo é o xénero de homínidos que inclúe os humanos modernos. Estímase que ten unha antigüídade de entre 2'4 e 1'6 millóns de anos. Todas as especies, agás Homo sapiens, están extinguidas. A última das especies relacionadas en desaparecer foi Homo neanderthalensis hai 30.000 anos, aínda que descubrimentos recentes suxiren que o Homo floresiensis desapareceu hai 12.000 anos.
En relación aos australopithecus, xa as primeiras especies do xénero Homo foron moito máis omnívoras, con dentes máis pequenos e a cara menos promidente e asociados a eles nos rexistros fósiles atópanse restos de ósos e pedras traballados. Os machos Homo son entre un 15 e un 20% máis corpulentos que as femias, a diferenza dos australopithecus nos que o diformismo sexual era moito máis acusado, o que podería indicar que os machos non tiñan que competiren polas femias, senón que dentro do grupo había unha complexa rede de relacións sociais e de cooperación propios dunha sociedade de cazadores-colleitadores.
[editar] Especies
- Homo rudolfensis entre 2,4 e 1,6 millóns de anos, África oriental
- Homo habilis de 1,9 a 1,6 millóns de anos, África oriental
- Homo antecessor hai 0,9 millóns de anos, Península Ibérica
- Homo erectus entre 1,7 e 0,3 millóns de anos, Alxeria, China, Xava
- Homo ergaster entre 1,8 e 1,4 millóns de anos, África orietnal, Sudáfrica, Xeorxia
- Homo heidelbergensis entre 600.000 a 100.000 anos, Alemaña, Inglaterra, Francia, Etiopía, Zambia, Grecia
- Homo neanderthalensis entre 200.000 e 30.000 anos, Israel, Siria, Iraq, Europa
- Homo floresiensis entre 100.000 e12.000 anos, Flores
- Homo sapiens apareceu hai 200.000 anos en África