Federación Galega de Municipios e Provincias
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) é un organismo constituído polos 315 concellos, as catro deputacións provinciais e as nove entidades menores existentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
O nacemento da Fegamp, con 17 membros fundadores, data do 7 de outubro de 1988, se ben a asemblea constituínte foi celebrada o 7 de abril de 1989. Nesa asemblea resultou elixido presidente por unanimidade o alcalde de Ponteareas, José Castro, que permaneceu no cargo ata 1992, ano no que foi substituído polo alcalde de Ribeira, José Luis Torres Colomer, que desempeñaría as funcións de presidente ata 1995.
No seguinte cuatrienio e baixo a presidencia do alcalde de Quiroga, Julio Álvarez Núñez, produciuse un feito histórico que marcaría o futuro do municipalismo galego: a fusión das tres entidades que defendían con voz propia e dende diferenciados e lexítimos puntos de vista os postulados da Administración Local galega. Despois de meses de conversas e negociacións, a antiga Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a Federación de Concellos Galegos (FCG) e a Federación Galega de Concellos Rurais (FCR) asinaron o 22 de abril de 1996 o denominado Protocolo de Fusión para unificar, baixo as siglas da Fegamp, a defensa dos intereses da Administración Local galega. Este acto de fusión, celebrado no Parlamento de Galicia coa presenza das máximas autoridades autonómicas, marcou un punto de inflexión cara o recoñecemento institucional da Fegamp como único interlocutor válido diante doutras administracións. Este incipiente protagonismo da federación viuse reforzado co incremento dos afiliados, posto que a progresiva adhesión de tódalas Entidades Locais galegas (315 concellos, catro deputacións provinciais e nove entidades menores) convertíu á Fegamp nun caso paradigmático en toda España da unidade de acción do municipalismo. A crecente representatividade institucional foi medrando de xeito paralelo á prestación de novos servizos ós afiliados, facendo necesaria a dispoñibilidade dunhas instalacións axeitadas para desenvolver o traballo cotiá. Deste xeito, a Fegamp adquiríu no ano 1990 a súa primeira sede social en Santiago de Compostela, pero só sete anos máis tarde viuse na obriga de incrementar a superficie dispoñible mediante a compra dun novo local na rúa Varsovia (Área Central). Estas modernas instalacións, de máis de mil metros útiles, supoñen un activo patrimonial importante para a federación ó tempo que permiten dispor dun espazo digno e suficiente para desenvolver a actividade diaria. A madurez institucional amosada pola Fegamp dende a fusión do ano 1996, mediante a defensa do municipalismo galego dende o diálogo e o espírito de colaboración, posibilitou a consecución de importantes logros para os concellos da nosa Comunidade Autónoma.
Así, durante o mandato do alcalde de Ourense, Manuel J. Cabezas Enríquez (1999-2003), a Fegamp conseguíu fixar a participación de tódolos concellos na recadación líquida dos ingresos propios da Xunta de Galicia, reforzando a autonomía das Facendas Locais e posibilitando a consecución de maiores cotas de eficacia na xestión municipal.
O día 4 decembro de 2003, o alcalde de Ourense foi substituído como presidente da Fegamp polo alcalde de Lalín, Xosé Crespo Iglesias, durante a celebración da VI Asemblea Xeral, na que se definiron os obxectivos concretos para o horizonte dos vindeiros catro anos, sendo a máxima aspiración dos concellos galegos para este mandato o peche do denominado Pacto Local.
O funcionamento da Fegamp como entidade defensora dos intereses da Administración Local galega aséntase nos seguintes principios xerais: o fomento e a defensa da autonomía das Entidades Locais; a promoción, representación e defensa dos intereses da Administración Local diante doutras administracións públicas; a promoción e o desenvolvemento da cultura e da lingua galega no ámbito municipal; a reivindicación ante os correspondentes poderes públicos -cando o estime oportuno- de novas cotas competenciais para as Entidades Locais; o fomento da participación cidadá na vida local; o desenvolvemento e a consolidación do espírito europeo no ámbito local, baseado na autonomía e a solidariedade entre os Entes Locais; a defensa xudicial dos intereses da Administración Local -se fose o caso- e as actuacións necesarias diante do Tribunal Constitucional en defensa da autonomía local; e calquera outra acción que afecte ou incida de forma directa ou indirecta nos seus asociados ou na propia federación.