Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O cachalote (Physeter macrocephalus) é un cetáceo, o máis grande dos odontocetas. Habita tódolos océanos, agás na zona ártica, aínda que prefire os mares tropicais e tépedos. Animal migratorio marcha cara ao ecuador durante a época reprodutoria e a latitudes máis elevadas para alimentarse. Non se sabe exactamente cantos cachalotes quedan: os cálculos varían entre 200.000 e 2.000.000 exemplares, tras séculos de caza intensiva pola súa carne, a súa graxa (coñecida como esperma de balea) e unha substancia do seu intestino coñecida como ámbar gris. Herman Melville describiu a súa caza en Moby-Dick. Actualmente a súa caza está prohibida internacionalmente, e tan só se realiza nalgúns puntos a pequena escala (como en Indonesia).