As Burgas
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
As Burgas son uns mananciais de augas termais que se localizan na cidade de Ourense. Deles brotan unhas augas silicatadas, fluoradas, litinicas e hipertermais a unha temperatura entre 64 e 68ºC cun caudal de 300 litros por minuto. Estas augas son aplicables a diferentes tipos de dermopatías.
A composición da auga das Burgas segundo a análise feita polos doutores Souto e Bermejo en 1990 é a seguinte:
-Ph.................... 7,56 -Residuo seco.......... 649,2 mg/l -Litio................. 1,14 mg/l -Sodio................. 102,2 mg/l -Potasio............... 8,15 mg/l -Rubidio............... 0,16 mg/l -Cesio................. 0,11 mg/l -Calcio................ 11,2 mg/l -Magnesio.............. 0,69 mg/l -Boro.................. 1,24 mg/l -Cloruro............... 25,0 mg/l -Fluoruro.............. 13,49 mg/l -Bicarbonato........... 462 mg/l -Nitrato............... 0,33 mg/l -Sílice................ 71,8 mg/l
O nome das Burgas non está moi claro, para algúns autores pode proceder de celta "beru" que quere dicir quente, pero a etimoloxía máis aceptada é a que provén do latín "burca" que quere dicir pía, en alusión ós baños utilizados polos romanos como balnearios.
Son tres mananciais: a Burga de Arriba, a máis antiga, de estilo popular e pertencente ó século XVII, a Burga do Medio, pegada ó muro e de estilo moderno, e a Burga de Abaixo, de estilo neoclásico, século XIX, con dous canos laterais e unha pía labrada no centro con outro cano. Tamén se atopa neste conxunto a réplica das catro aras romanas atopadas na cidade, a primeira delas en honor das Ninfas desas augas ofrendada por Calpurnia Abana Aeboso, que é o primeiro nome coñecido dun habitante da cidade de Ourense.
Estes mananciais foron declarados Conxunto Histórico Artístico no ano 1975.
Como dato curioso podemos comentar que antigamente as paisanas usaban a fonte para escaldar os polos e quitarlle así as plumas de forma máis doada.
A orixe destes mananciais non está clara, unha lenda di que nacen debaixo da capela do Santo Cristo, na Catedral, e outra di son causadas por un volcán en repouso que está na base do Montealegre e que nalgún momento podería chegar a estoupar.
Xunto coa Catedral e a Ponte Romana, é un dos símbolos da capital ourensá, á que se lle deu en chamar "Cidade das Burgas".
A principios de 2005, por mor dunhas escavacións non autorizadas asociadas á construción dun novo balneario, resultou perforado un dos pozos que alimentan as Burgas, perdéndose un 40% do manancial, e secando un dos canos principais das fontes polas que xorden as augas.