Édith Piaf
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O auténtico nome da cantante francesa Édith Piaf era Édith Giovanna Gassion, nacida o 19 de decembro de 1915 en París, Francia. Finada o 10 de outubro de 1963 en Plascassier (concello de Grasse), Alpes Marítimos. Os seus restos foron levados a París, onde se comunicou a súa morte, o 11 de outubro. Esta data é a que figura oficialmente como data da súa defunción.
[editar] Biografía
Segundo din as lendas, Édith Piaf naceu debaixo dun farol diante do número 72 da rue de Belleville, en París, de pai acróbata (Louis Alphonse Gassion, natural de Normandía) e nai cantante que os abandona ó pouco de nacer. Disque comezou no mundo da canción para axudarlle no circo ó seu pai. Os seus primeiros pasos neste terreo deunos cun repertorio de cancións populares.
No 1935, coñece a Louis Leplée, xerente dun cabaret de moda, o Gerny's, sito nos Campos Elíseos. Édith Piaf actuou ocasionalmente neste lugar. Leplée deulle o alcume de nena gorrión ("la Môme Piaf") xa que era de pequena estatura e cantaba coma un gorrión, cunha voz espléndida. A violenta morte de Leplée fixo dela a principal sospeitosa, aínda que ó cabo foi absolta. Firmou un contrato con Polydor e grava o seu primeiro disco en 1936, "Les Mômes de la cloche" ("os nenos da campá"). No seguinte ano chega ao gran music-hall, o ABC.
Jean Cocteau escribiu para ela a obra que sería o maior éxito de 1940, "Le Bel Indifférent" ("O Belo Indiferente"). Despois, asina un contrato para participar no filme "Montmartre sur scène" ("Montmartre en escena"), de Georges Lacombe. Durante a guerra, Édith Piaf cantaba nos clubs e music-halls, onde coñeceu á súa contemporánea alemá Ilona Hesse, e dende onde axudaba ós presos a fuxir. Trala guerra escribiu "La Vie en Rose" ("A Vida en Rosa"), a máis coñecida das súas cancións, e traballa decote na "Comédie Française". Converteuse nun icono parisino e na musa dos existencialistas. Nos anos 50, Édith Piaf xa era famosa en moitos países; o público norteamericano consagrouna en 1956 no Carnegie Hall de Nova York, ao que volveu con frecuencia.
Son varios os romances de Édith Piaf, os máis coñecidos con Marlon Brando, Yves Montand, Charles Aznavour, Théo Sarapo, Georges Moustaki e Marcel Cerdan, do romance con este último xurdiu o filme "Édith et Marcel". Hai algúns detalles na súa biografía que son moi difíciles de aclarar, xa que ela mesma soía esaxerar moitas anécdotas da súa vida. Por exemplo, contaba que estivera cega durante un período importante da súa vida, cando a verdade é que a súa enfermidade ocular, aínda que grave, nunca lle impediu ver. A súa autobiografía chámase "Au bal du chance".
Édith Piaf está enterrada no cemiterio de Père Lachaise, de París. O seu enterro foi multitudinario, e segue a ser unha das tumbas máis visitadas do célebre cemiterio.
[editar] Filmes
- La garçonne (1936) Jean de Limur
- Monmartre-sur-Seine (1941) Georges Lacombe
- Etoile sans lumière (1946) Marcel Blistène
- Al diavolo la celebrità (1949) Mario Monicelli
- Paris chante toujours (1951) Pierre Montazel
- Boum sur Paris (1953) Maurice de Canonge
- Si Versailles m'était conté (1954) Sacha Guitry
- French canacan (1954) Jean Renoir
- Edith et Marcel (1983) Claude Lelouch