Partido Galeguista (histórico)
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Este artigo trata do Partido Galeguista fundado en decembro de 1931. Para outras organizacións políticas co mesmo nome, visita a páxina Partido Galeguista.
O Partido Galeguista foi un partido fundado en decembro de 1931 de carácter nacionalista galego e con relevancia na política da Segunda República. O seu órgano de prensa foi A Nosa Terra e a sección xuvenil, a Federación de Mocedades Galeguistas, fundouse en xaneiro de 1934 e contaba con 1.000 afiliados
Índice |
[editar] Formación
O 5 e 6 de decembro de 1931 o Partido Galeguista de Pontevedra convoca unha Asemblea Nacionalista co propósito de crear un partido nacionalista. Á convocatoria acoden 32 grupos e irmandades, entre os que destacan o Grupo Autonomista Galego de Vigo, Labor Galeguista e o Partido Nazonalista Republicán de Ourense. Tamén participan representantes da Federación de Sociedades Galegas de Arxentina e da sección arxentina da ORGA
[editar] Consolidación
En 1932 participa xunto co Partido Republicano Gallego e Acción Republicana no Comité de Propoganda do Estatuto, ao tempo que se prepara para participar en solitario, ou en candidaturas conxuntas cos agrarios, nas eleccións municipais de abril de 1933, nas que só obtén un concelleiro en Ourense e a maioría, aliado cos agrarios, en Tui, estes malos resultados levan ao sector progresista do PG a favorecer pactos cos partidos republicanos, ao que se opuña o sector conservador liderado por Vicente Risco.
Na Asemblea Extraordinaria de outubro de 1933 impóñense as teses de Vicente Risco e o PG concorre ás eleccións xerais de 1933 en solitario, os 106.000 votos que obtén non lle serven para conseguir deputado ningún, e o novo goberno de dereitas paraliza a tramitación do Estatuto de Galicia.
Despois da Revolución de 1933, na que o PG non participou, o goberno, suspende A Nosa Terra e desterra a Castelao e Bóveda, descabezando o PG e provocando un descenso momentáneo da militancia, pero ao tempo favorece a formación dunha alianza cos republicanos de esquerda que fixera posible a aprobación do Estatuto.
Na III Asemblea do PG, celebrada en Ourense o 13 e 14 de xaneiro de 1934 apróbase coa oposición de Risco a alianza estratéxica cos republicanos e socialistas, ratificada na IV Asemblea do PG, celebrada en Santiago de Compostela o 20 e 21 de abril de 1935, coa oposición de Ramón Otero Pedrayo, o que provoca a escisión dun sector da dereita do PG, encabezada por Vicente Risco que forma a Dereita Galeguista.
[editar] Frente Popular
En xuño de 1935 o PG comeza a negociar con Izquierda Republicana, e na Asemblea Extraordinaria do 25 de xaneiro de 1936 celebrada en Santiago de Compostela apróbase o ingreso do PG na Frente Popular para concorrer nas eleccións xerais de 1936 con cinco candidatos galeguistas, Castelao, Bóveda, Xerardo Álvarez Gallego, Ramón Suárez Picallo e Antón Villar Ponte.
Saen elixidos Castelao con 104.436 votos en Pontevedra e Súarez Picallo e Vilar Ponte con arredor de 150.000 votos cada un, en total os candidatos galeguistas obteñen 287.000 votos.
O 28 de xuño de 1936 cúmprense os compromisos expresados pola FP e plebiscítase favorablemente o Estatuto.
[editar] Guerra civil
Tras a sublevación militar de 1936 que puxo fin á actividade do PG en Galicia, comeza a represión dos militantes galeguistas, algúns dirixentes como Xoán Carballeira, Ánxel Casal, Lustres Rivas, Camilo Díaz Baliño, Víctor Casas ou Alexandre Bóveda van ser afusilados, outros marchan ao exilio, aínda así o PG desaproba a participación dos seus militantes na guerrilla antifranquista.
En 1937 o PG abre unha delegación en Barcelona, e publica o voceiro Nova Galicia entre abril de 1937 e xullo de 1938 dirixido por Castelao. A prioridade vai ser a unidade das forzas democráticas para salvar a República e manter o facho do galeguista acceso. Trala caída de Cataluña os galeguistan pasan a Francia e dende alí diríxense a diversos países de América.
[editar] Clandestinidade
A actividade do PG no interior comeza en xullo de 1943 cunha xuntanza en Coruxo, á que asisten 19 galeguistas e que deciden formar un Comité executivo provisorio integrado por Manuel Gómez Román, Otero Pedrayo e Plácido Castro, pero foron Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro os que tiveron un papel máis activo. En 1944 o PG intégrase na Junta Gallega de Alianza Democrática con CNT, PSOE, UXT e os agrarios. A partir 1948 o PG aposta por unha estratexia culturalista en aberta contradición cos galeguistas do exilio.
A fundación de Galaxia o 25 de xullo de 1950 supuxo a autodisolución do PG en Galicia.
[editar] O Partido Galeguista en América
En 1932 fundouse a Organización Nazionalista Repubricana Galega, filial do PG en Bos Aires, tralo pase da sección arxentina da ORGA, contaba con 150 afiliados dirixidos por Rodolfo Prada, en 1936 co inicio da Guerra Civil muda o nome a Grupo Galeguista de Bós Aires, nese momento tiña 103 afiliados. En 1941 toma o nome de Irmandade Galega e en 1942 reaparece A Nosa Terra, coincidindo coa chegada masiva de exiliados galeguistas a Bos Aires, entre os que sobrancea Castelao
En outubro de 1944 constitúese o Consello de Galiza baixo o impulso da Irmandade Galega e Castelao.
A Irmandade Galeguista do Uruguai é o nome da sección do PG en Uruguai, dirixida por Manuel Meilán
En 1949 o PG só conta con 200 afiliados distribuídos en Bos Aires e outras cidades arxentinas, Montevideo, México e A Habana.
[editar] Militantes
En 1932 o PG contaba con 38 grupos locais e 2.300 afiliados, ao longo do ano vai implantándose en todo o país e en 1933 os seus 60 grupos locais contaban 3.000 afiliados. Tralas eleccións de 1933 o PG vai experimentar un retroceso momentáneo, e en 1935 quedábanlle só 1763 afiliados, pero para o ano 1935 consegue reestruturar o partido chegando a 5.000 afiliados distribuídos en 90 grupos locais.