Alexandre Bóveda
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Alexandre Bóveda Iglesias (Ourense, 7 de xuño de 1903 - fusilado no monte de Caeira [ Pontevedra ] o 17 de agosto de 1936) foi un dos intelectuais galeguistas máis relevantes da Segunda República española en Galiza, chegando a ser o motor do Partido Galeguista segundo palabras do propio Castelao.
Dende moi neno adicouse ó estudo do francés e da contabilidade. Estudou peritaxe mercantil n'A Coruña por libre, ó mesmo tempo que impartía clases ós máis xoves nun colexio de Ourense. Asiduo letor da Revista Nós pronto comezou a escribir en en La Zarpa de Basilio Álvarez. Foi nas follas deste xornal onde se deu a coñecer como un gran comunicador.
Logo participou nunhas oposicións en Madrid a unha das dez prazas de xefe de Facenda do estado conseguindo o número un. Por este motivo José Calvo Sotelo ofrécelle un posto no seu Comité de Intervención de Cambios; nembargantes Alexandre rexeitou a oferta e voltou a Galiza para traballar na delegación de facenda de Ourense. Tras aprobar outras oposicións marchou a Pontevedra a ocupar o posto de Xefe de Contabilidade con tan só 23 anos. Pronto tomou contacto coa tertulia que presidían Castelao e Losada Diéguez no Café Méndez Núñez e viuse envolto nas actividades dos dous galeguistas. Ámbolos dous introducíronno na política e noutros campos, como a Coral Polifónica, onde coñeceu a Amalia Álvarez Gallego, coa que casou en 1930 no Mosteiro de Poio e coa que tivo cinco fillos.
En 1932 participou na asamblea pro-estatuto que se celebrou en Santiago de Compostela e resultou elixido membro da comisión redactora. Tivo un papel moi activo na redación do estatuto e na asemblea de municipios que se creou para debatelo. En 1933 foi elixido membro central do Comité da Autonomía presidido por Bibiano Fernández Osorio Tafall. O 20 de outubro de 1934 publícouse unha orde ministerial impoñéndolle un destino administrativo forzoso na delegación de facenda de Cádiz. Retornou no ano 1935 a Galiza ó obter unha praza na delegación de facenda de Vigo.
En 1936 participou na campaña eletoral, á que acode como candidato da Frente Popular pola provincia de Ourense mentras tomaba posesión dun cargo na delegación de facenda de Pontevedra. O 20 de xullo de 1936 foi detido tras o "alzamento nacional", acusado de traición e condenado a morte nun xuízo celebrado o 13 de agosto dese mesmo ano. A sentenza executouse o 17 de agosto en Caeira.
Alexandre Bóveda é un dos mitos do galeguismo. Foi convertido en mártir pola defensa da liberdade e dos seus ideais. Na data da súa morte celébrase actualmente o Día da Galiza mártir.