Lingua
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Unha lingua é un sistema de signos lingüísticos incluíndo tamén sons, acenos e símbolos escritos que permite a comunicación entre os individuos dunha comunidade lingüística. Unha definición lingüística da lingua precisa que é un sistema de signos dobremente articulados, é dicir, que a construción do sentido faise a dous niveis de articulación. Atópase primeiramente o das entidades significantes, morfemas, lexemas, monemas, formando os enunciados, e logo o das unidades distintivas de sentido (os fonemas), formando as unidades significantes. Estes dous niveis de articulación determinan os primeiros niveis da descrición lingüística: fonoloxía, morfoloxía e sintaxe. André Martinet precisa que a orde de descrición é de xeito necesario inversa á orde de percepción ou uso da lingua: a descrición comeza polo segundo nivel de articulación (fonemas) para ir cara o primeiro (a combinatoria das unidades significantes).
Distínguese en xeral a lingua (sistema de signos) e a linguaxe (facultade humana posta en acción por meio de tal sistema). Distínguese de igual xeito, tras Ferdinand de Saussure, a lingua e a palabra (é dicir, o uso efectivo do sistema da lingua polos locutores).
[editar] Niveis e rexistros de lingua
Nunha lingua podemos distinguir
- Variedades diacrónicas ou históricas, condicionadas polo tempo.
- Variedades diatópicas: variantes da lingua no espacio (falares ou dialectos xeográficos).
- Variedades diastráticas: variacións na lingua segundo a clase social (dialectos sociais).
- Variedades diafásicas: variacións segundo a situación comunicativa do falante (tamén variantes funcionais, estilos de lingua ou rexistros). Os factores que determinan as diferencias lingüísticas entre os rexistros son basicamente os catro factores que podemos diferenciar nunha situación comunicativa: o tema, a canle, a intención, e o nivel de formalidade.