Cinemática
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A cinemática é a parte da mecánica que estuda o movemento abstraendo as forzas que o producen. Dende o punto de vista da cinemática un punto material caracterízase pola posición no espazo e polo instante no cal ocupa a devandita posición. O conxunto destas catro coordenadas, tres espaciais e a cuarta temporal determínase con relación a un sistema de referencia, ou referencial de espazo-tempo. Na cinemática clásica, o tempo é universal e non depende da referencia; en cinemática relativista, en cambio, o tamaño dos obxectos ríxidos depende da súa velocidade con respecto o referencial no que se efectúa a medida.