Tristán Tzara
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Tristan Tzara (pseudónimo de Sami Rosenstock), escritor francés de orixe romanesa naceu en 1896, en Moinesti, Romanía e faleceu en decembro de 1963, en París, Francia.
[editar] Biografía
Foi un poeta e ensaísta romanés, que viviu case toda a súa vida en Francia. Foi un dos autores máis importantes do movemento Dada, que fundou xunto con Hans Arp e Hugo Ball, unha corrente revolucionaria na literatura que anticipou as actitudes do surrealismo.
O movemento dadaísta orixinouse en Zurich , durante a I Guerra Mundial; Tzara escribiu os primeiros textos Dadá — La Première Aventure céleste de Monseur Antipyrine ("A primeira aventura celestial do señor Antipirina", 1916) e Vingt-cinq poèmes ("Vintecinco Poemas", 1918), así como os manifestos do movemento: Sept manifestes Dada ("Sete manifestos Dadá", 1924). En París organizou, cos seus compañeiros de movemento, espectáculos na rúa cheos de absurdismo para épater le bourgeois, "escandalizar a burguesía", e deu un poderoso impulso á escena dadaísta.
A finais de 1929 embarcouse no recén inaugurado movemento surrealista de André Breton, Louis Aragon e outros autores; dedicou grandes esforzos a intentar conciliar as doutrinas filosóficas nihilistas e sofisticadas do movemento coa súa propia afiliación marxista. Participou activamente no desenvolvemento dos métodos de escritura automática, entre eles o collage e o cadáver exquisito. Desa época data o seu libro L'Homme approximatif ("O home aproximado", 1931).
Durante a II Guerra Mundial incorporouse á resistencia francesa; tras obter a cidadanía en 1947, afiliouse ao Partido Comunista Francés. A súa militancia estenderíase ata 1956, cando, tras a invasión de Hungría polas tropas sovéticas para apagar a revolta popular, apartouse do partido. A súa obra da época é complexa, aínda que máis convencional que na súa xuventude; nela salientan Parler seul ("Falar só", 1950) e La face intéreure ("A face interior", 1953).
Morreu en decembro de 1963 en París, e foi enterrado no cemiterio de Montparnasse.
[editar] Obras
- A primeira aventura celestial do señor Antipirina 1916
- Vintecinco poemas 1918
- Primeiro manifesto dadá 1918
- A antoloxía dada. Obra colectiva 1919
- Sete manifestos dadá 1924
- Sobre os nosos páxaros 1929
- O home aproximado 1931
- Onde beben os lobos 1933
- Mediodías gañados 1939
- O surrealismo e a posguerra. Conferencias sobre o surrealismo
- No ínterin 1946
- A fuxida 1947
- O froito permitido 1947
- A rosa e o can 1958