Seminario de Estudos Galegos
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Seminario de Estudos Galegos (SEG) foi unha instutición creada polo galeguismo para estudar e divulgar o patrimonio cultural galego e para formar investigadores.
Foi Antón Losada Diéguez o que tivo a idea de crear un órgano que tivese como función poñer en valor a cultura galega, unha función que a universidade galega da época, a Universidade de Santiago de Compostela, non cumpría con programas académicos totalmente alleos á realidade, á historia e á cultura galegas. Fórmase pois na casa de Losada en Pontevedra a Xuntanza de Estudos e Investigacións Históricas e Arqueolóxicas, o xérmolo do que había ser o SEG.
Nunha histórica xuntanza celebrada o 12 de outubro de 1923 en Ortoño na cal participan nove estudantes recollendo a tradición da Xuntanza de Ampliación de Estudos acordan a creación do Seminario de Estudos Galegos, ó pouco tempo intégranse nela boa parte da intelectualidade galeguista que se movía ó redor da revista Nós.
O SEG estaba estruturado en doce seccións e utilizaba como método de traballo os equipos interdisdiplinarios e aínda que non todos os traballos feitos estiveron en galego, si é certo que foi o SEG quen por primeira vez utilizou a lingua galega de xeito significativo para facer traballo científico. As doce seccións e os presidentes das mesmas son as seguintes
- Sección de Filoloxía , coordinador Armando Cotarelo Valledor.
- Sección de Arte e Letras, coordinador Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
- Sección de Etnografía, coordinador Vicente Risco.
- Sección de Historia, coordinador Cabeza de León, presidente do Seminario de 1925 a 1934.
- Sección de Prehistoria, coordinador Florentino López Cuevillas.
- Sección de Xeografía, coordinador Otero Pedrayo.
- Sección de Historia da Arte, coordinador Xesús Carro.
- Sección de Historia da Literatura, coordinador Xosé Filgueira Valverde.
- Sección de Pedagoxía, coordinador Díaz Rozas.
- Sección de Ciencias aplicadas, coordinador Manuel Gómez Román.
- Sección de Ciencias Naturais , coordinador Luis Iglesias.
- Sección de Ciencias Sociais, Xurídicas e Económicas; coordinador Lois Tobío.
En 1936 o SEG, con trece anos de actividade, foi desmantelado polo novo réxime xurdido do 18 de xullo. En 1944 co patrimonio do SEG creouse o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento dependente do CSIC.