Os Gaiteiros de Soutelo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Os Gaiteiros de Soutelo foron un grupo folclórico galego do primeiro terzo do século XX.
O iniciador desta saga de músicos populares orixinarios de Soutelo de Montes foi o pai dos gaiteiros que, xunto aos seus fillos, adoitaba amenizar os días grandes das festas da época, xa que era un grupo inusualmente grande e que xa contaba cunha grande sona naquela terra de Montes. Introducía outras novidades: incorporaba unha muller coma cantante, a irmá. A presenza dunha muller nos grupos musicais non era habitual aló polo 1925.
Os componentes eran Avelino Cachafeiro director, compositor e a alma do grupo, os seus irmáns Castor (gaita) e Bautista (voz e redobrante), o seu pai Fermín (bombo) e a súa tía Andrea, que algunhas veces se axuntaba a eles para tocar o pandeiro.
En 1928 gravaron A Muiñeira de Chantada, A Alborada de Rosalía, A muiñeira de Pontesampaio, Fandango de Pontevedra, Marcha do Corpus, Viva Barriño de Arén, Eicho de dar queridiña, Foliada de Luxán, Foliada Rianxeira, Estroupele-Estroupele, Farruquiña chaman a porta, a Muiñeira de Ourense e o pasacorredoira A volta da festa.
Un dos fitos máis importantes foi a súa presentación no Teatro Avenida de Bos Aires o 28 de febreiro de 1930, onde actuaron con decorados deseñados por Castelao e Camilo Díaz.
Os Gaiteiros de Soutelo percorreron toda Galiza, así como Bos Aires, Montevideo e Brasil, ata que o comezo da Guerra Civil española esfarelou o grupo: sorprendeunos tocando en Barcelona, en territorio republicano, mentres Galiza quedaba no nacional. A Cultural Obreira levounos a Madrid para dar ánimos ás tropas que alí loitaban, e cando se dirixían a Berlín para tocar nos Xogos Olímpicos, decidiron voltar á casa por Lisboa. Así rematou o grupo.
Bautista morrera no 1933, Castor emigrou a Venezuela, onde ensinou a tocar na Escola de Gaitas da Irmandade Galega de Caracas e Avelino, cuxo único fillo morreu ao nacer, deixou de tocar a gaita.