Manuel García Barros
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Manuel García Barros (Ulla, Berres, A Estrada, 1876 - ? 1972) foi un escritor e xornalista galego.
[editar] Vida
Manuel García Barros foi compatibilizando os seus estudos primarios cos traballos cotiáns de labranza e ademais artesanais. Cando estaba a realizar o servizo militar en Vigo comezou a colaborar en revistas e a tomar contacto cos movementos culturais da cidade olívica, moi especialmente co teatro. Alternando os seus traballos cos estudos, no ano 1905 acadou, por libre, o título de Mestre de primeiro ensino elemental. No ano seguinte casou en Callobre (A Estrada), onde viviu o resto da súa vida. No ano 1907, e por mor do seu labor como director do xornal El Estradense, pasou por primeira vez na súa vida pola cadea, feito que se volveu a repetir no ano seguinte. Os seus contactos e simpatía cos movementos agrarios de comezos de século son moi salientábeis así coma cos membros das Irmandades da Fala e posteriormente co grupo Nós, moi especialmente co seu grande amigo e soporte cultural Ramón Otero Pedrayo. Xa a partir do 1920 pasou a ser un persoeiro recoñecido nas nosas letras e no galeguismo, canto máis ao ser un dos “alma mater” do xornal El Emigrado, que foi o xornal de maior duración da Estrada ata hoxe, e no que colaborou con todo tipo de traballos. No ano 1927 aprobou as oposicións de Mestre Nacional, indo no seu primeiro destino a Pepín (Castrelo do Val-Ourense). O levantamento militar supúxolle a suspensión de emprego e soldo, cando xa fora trasladado a unha parroquia da beira (San Pedro de Ancorados). Este emprego non lle foi xamais restituído en vida. No ano 1955 foi levado de novo ao cárcere, xunto con Francisco Fernández del Riego e Domingo Lemos Suárez, no seu caso simplemente por lle atoparen unhas revistas (Bohemias) que lle mandaran dende Cuba. No ano 1957 foi nomeado membro morrespondente da Real Academia Galega. Finou no ano 1972.
No ano 1997 o Concello da Estrada adicou este ano á lembranza da súa memoria.
[editar] Obra
Os seus primeiros escritos xa saíron da súa pluma a finais do século XIX, sendo nestes comezos case en exclusiva poemas, que apareceron publicados por separado nos máis variados medios. O seu primeiro artigo coñecido publicouse en Luz y Sombra de Vigo no ano 1898. A partir de aquí é moi reseñábel o seu labor xornalístico, especialmente no semanario El Estradense, unha publicación agrícola-social que se comezou a publicar no 1906 e no que participou con artigos, relatos curtos... e do que foi o seu director. Deixou de se publicar no 1909. No ano 1920 creouse o xornal El Emigrado, publicación financiada polos Hijos del Ayuntamiento de A Estrada de Cuba. Neste xornal comezou a publicar periodicamente os seus “Contiños da Terra” e comezou a ser recoñecido e respectado no ámbito cultural galego e no movemento galeguista. No ano 1924 o seu conto ”O fútbol en Malpocados” foi premiado nos Xogos Florais de Santiago. Dous anos máis tarde púxose en escena a súa pequena peza teatral Carta da Habana (Revista Céltiga, Ed. Fervenza, 2002). No 1929, o seu longo traballo Falemos na nosa fala gañou o Certame Literario de Exaltación da Muller Galega (Pontevedra). Posteriormente recolleitou os contos que fora sacando no El Emigrado, e saíu á rúa so o título Contiños da Terra (Nós, 1931; Hnos. Caporaletti, 1952; Edicións Xerais de Galicia, 1999; Biblioteca Galega 120, La Voz de Galicia, 2002). Xa en vida non viu publicadas máis obras, a pesar de pasar toda a vida escribindo. No ano do seu pasamento, meses despois, saíu á rúa Aventuras de Alberte Quiñoi (Editorial Castrelos, 1972; Editorial Vía Láctea, 1990), a pesar de que xa fora finalista nun concurso literario convocado polo Centro Galego de Buenos Aires no 1949. Máis tarde publicáronse a súas obras Enredos (Editorial Galaxia, 2000) e Dos meus recordos (Editorial Galaxia, 2001).