Liber pontificalis
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Libro dos papas ou Liber pontificalis é unha compilación de biografías dos primeiros papas, desde Pedro até Estevo V (891).
O núcleo do libro é unha serie de entradas biográficas breves dos papes até o século IX dispostas cronoloxicamente, consistindo cada unha no número de anos de servizo (de onde se deducen as datas de reinado), lugar de nacemento, parentesco, emperadores correspondentes, obras edilicias (especialmente igrexas), ordenacións, pronunciamentos principais, lugar de enterramento e tempo transcorrido até a consagración do seguinte papa electo.
O propio proceso de redacción desbota o Liber pontificalis como fonte histórica fiábel. A obra tivo dúas fontes principais: o Catalogus Liberianus (354) e un Index, listaxe de papas transmitida e completada por diversos autores a partir de Hipólito (235). A este núcleo fundamental acrescentáronselle outros materiais: enumeración das obras edilicias dos papas, listaxes de doazóns, etc. Nos séculos VI e VII foise actualizando con novas biografías, de extensión cada vez maior. Aproximadamente entre o pontificado de Honorio I e o de Adrián II as entradas son contemporáneas, redixidas pouco despóis da morte de cada papa. En 1479, Platina redactouno todo de novo en estilo humanista e completouno, chegando até Paulo II (1464-1471).