Frente Popular Galega
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Frente Popular Galega é unha organización política galega situada ideoloxicamente no socialismo e no independentismo.
Cando en 1986 a UPG acepta a participación do BNG no Parlamento Galego, 13 membros do seu Comité Central, liderados por Mariano Abalo, secretario xeral, e Xan Carballo, secretario xeral da INTG, deixan o partido, constituíndo o Colectivo Comunista 22 de marzo, que o 25 de xullo de 1986 transfórmase no Partido Comunista de Liberación Nacional. A III Asemblea Nacional do BNG expulsa ao PCLN coa excusa de que pedían o voto para HB nas eleccións europeas.
En 1987 o PCLN e Galiza Ceive-OLN xunto con outras organizacións menores de carácter local como os Colectivos Nacionalistas de Trasancos e Vigo, Grupos Independentistas Galegos de Compostela e o colectivo Iskeiro de Ferrol forman a FPG. En xuño de 1989 sufriu a escisión dos sectores nucleados en torno a Galiza Ceive-OLN que apoiaban a loita armada do EGPGC que constitúen a Assembleia do Povo Unido. En 1994 a FPG abandona o seu carácter frentista converténdose en partido.
Nas eleccións ao Parlamento de Galicia de 2001 obtivo 3.176 votos (0'3%), nas eleccións xerais de 2004 tivo 2.257 votos (0'12%) e 1 concelleiro por Cangas nas eleccións municipais de 2003. Nas eleccións autonómicas de 2005 conseguíu 2.982 votos (0'2%)