Concilio ecuménico
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Concilio ecuménico é unha reunión dos bispos de toda a Igrexa para decidir sobre asuntos doutrinais.
Na actualidade, o concepto de "tódolos bispos da Igrexa" difire segundo as ramas do Cristianismo. Os ortodoxos, na súa maior parte, exclúen a Igrexa Católica e os protestantes; a Igrexa Católica exclúe, igualmente, os protestantes e os ortodoxos.
Ao longo de toda a historia, os concilios ecuménicos teñen xogado un papel moi importante na fixación da doutrina eclesiástica.
Índice |
[editar] Lista dos concilios ecuménicos
[editar] Primeiros sete concilios
- 1. Primeiro Concilio de Nicea (325). Rexéitase o Arrianismo.
- 2. Primeiro Concilio de Constantinopla (381). Revísase o "Credo de Nicea" e establécese que só poderá ser modificado nun concilio ecuménico.
- 3. Concilio de Éfeso (431). Rexéitase o Nestorianismo e proclámase a Virxe María como a nai de Deus.
- 4. Concilio de Calcedonia (451). Rexéitase o Monofisismo, co que se declara que as dúas naturezas de Cristo non se mesturaron.
- 5. Segundo Concilio de Constantinopla (553). Condénanse novas manifestacións das herexías xa rexeitadas.
- 6. Terceiro Concilio de Constantinopla (680-681). Declárase que Cristo tiña desexos tanto de índole humana como divina.
- 7. Segundo Concilio de Nicea (787). Permítese de novo a adoración de iconas.
[editar] Concilios 8 e 9
[editar] Para os católicos
- 8. Cuarto Concilio de Constantinopla (869-870). Deponse o patriarca de Constantinopla.
- 9. Primeiro Concilio de Letrán (1123). Decidiuse sobre o asunto da división de poderes entre Igrexa e Imperio.
[editar] Para algúns ortodoxos
- 8. Cuarto Concilio de Constantinopla (879-880). Vólvese a darlle a súa posición ao patriarca de Constantinopla que fora deposto no Cuarto Concilio de Constantinopla dos católicos.
- 9. Quinto Concilio de Constantinopla (1341-1351)
[editar] Concilios católicos 10 ao 21
- 10. Segundo Concilio de Letrán (1139). Prohíbense os matrimonios dos clérigos; establécese a excomuñón como pena para os ataques ós clérigos.
- 11. Terceiro Concilio de Letrán (1179). Limítase a elección dos papas ós cardeais, condénase a simonía e prohíbese que alguén con menos de trinta anos sexa bispo.
- 12. Cuarto Concilio de Letrán (1215). Trátase o tema da transubstanciación e a primacía do papa. Ordénase que os xudeus e musulmáns leven roupas especiais para seren distinguidos.
- 13. Primeiro Concilio de Lión (1245). Establécese a mitra vermella para os cardenais e chámase á guerra na Terra Santa.
- 14. Segundo Concilio de Lión (1274). Inténtase reunificar a igrexa, apróbanse as ordes franciscana e dominica e establécese o sistema de conclave.
- 15. Concilio de Viena (1311-1312), tómanse medidas contra os templarios.
- 16. Concilio de Constanza (1414-1418). Despois do fallido Concilio de Pisa (ó que non se lle dá número porque non o convocou un papa), resolveu a crise do Cisma de Occidente.
- 17. Concilio de Basilea (1431-1445). Inténtase de novo reconciliarse coa Igrexa Ortodoxa.
- 18. Quinto Concilio de Letrán (1512-1517). Intento de reforma da Igrexa.
- 19. Concilio de Trento (1545-1563). Iníciase a Contrarreforma: establécese o rito da misa e reacciónase contra o Protestantismo.
- 20. Concilio Vaticano Primeiro (1870). Establécese o dogma da infalibilidade do papa.
- 21. Concilio Vaticano Segundo (1962-1965). Renóvase a doutrina para aproximala ós tempos modernos (entre outros, permítese o uso das linguas propias de cada lugar na liturxia).