Catedral de Santiago de Compostela
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A catedral de Santiago de Compostela, localízase no centro histórico de Santiago de Compostela e é a meta do Camiño de Santiago.
A construción actual data do ano 1075 e consagrouse en 1211. Consta dunha planta basilical de cruz latina de tres naves, tamén no transepto, e triforio (chamado localmente tribuna), que está conectado directamente co Pazo arzobispal, o Pazo de Xelmírez. Na cabeceira sitúase a capela maior, rodeada por un deambulatorio polo que se accede a cinco capelas radiais menores.
[editar] Historia
Tras o descubrimento do que se cría que eran os restos do apóstolo Santiago o Maior polo bispo Teodomiro de Iria Flavia, entre o 820 e o 835, o rei Afonso II mandou edificar unha igrexa dedicada ao culto do apóstolo. No ano 872, en tempos do rei Afonso III, comezou a construción da nova basílica, que substituíu á pequena igrexa e que se consagrou no ano 899 e que se derrubou no ano 1112.
No ano 1075 baixo o impulso do bispo Diego Peláez e do rei Afonso VI de Castela e León comezou a construción da catedral románica que se rematou durante o episcopado de Diego Xelmírez (1101-1140).
O primeiro que se edificou foron as capelas do deambulatorio: A capela do Salvador, a de San Pedro e a de San Xoán. En 1105 Xelmírez consagrou as capelas de San Xoán Bautista, San Martiño, Santa Cruz e San Martiño. En 1112 remataron os traballos dos brazos do cruceiro. En 1117 unha revolta dos burgueses da cidade contra Xelmírez afectou á catedral e a fachada das Praterías veuse tocada polo lume: aínda así en 1140 están rematados seis tramos das naves maiores. O resto dos tramos concluíronse en 1160, tras o que se produciu unha parálise na construción ata que, en 1168, o Mestre Mateo quedou como mestre de obras. Nesta altura, el e o seu obradoiro convertéronse nos artífices do Pórtico da Gloria e remataron a catedral que, nunha celebración solemne, consagrou o arcebispo Pedro Muñiz o 21 de abril de 1211