Castro (poboado)
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Un castro é un poboado típico do noroeste da Península Ibérica durante a Idade do Ferro, no que se coñece como Cultura Castrexa.
Citania e cividade son sinónimos de castro, se ben en Portugal designan especialmente castros de maiores dimensións e importancia.
Índice |
[editar] Tipoloxía dos castros
- Castros de interior.
Constitúen o tipo máis frecuente e característico. Están situados en outeiros ou elevacións prominentes, pero raras veces en cumios altos. Teñen planta circular ou ovalada e contan con unha ou varias murallas. Dous exemplos son o castro de Coaña e o de Viladonga.
- Castros de montaña.
Situados en zonas montañosas altas, localízanse nas ladeiras e teñen forma oval, con foxos artificiais polo lado superior e murallas ou terrapleno cara ao val. Datan de época romana e están vencellados a explotacións mineiras. Dous exemplos son os de Vilar no Caurel e Xegunde na Fonsagrada.
- Castros costeiros.
Son de planta variada, adaptándose ao terreno; as defensas naturais do lado do mar vense complementadas con murallas e foxos cara ao interior. Son moi abundantes e dous exemplos son os de Baroña na Barbanza e Fazouro na Mariña.
[editar] O urbanismo dos castros
Os poboados castrexos costuman erguerse en outeiros despexados, promontorios rochosos ou penínsulas que se adentran no mar, o que facilita a visibilidade, a defensa e o dominio do contorno. O lugar do asentamento ven dado tamén en función dos recursos naturais explotados polos moradores. Os castros contan cun recito superior, a "croa", e unha serie de socalcos cara abaixo onde se sitúan as construcións. Cada unha destas seccións pode estar limitada por murallas, parapetos ou foxos. Ás veces hai unha especie de engadidos, os antecastros, que tamén se arrodean de murallas pero non albergan vivendas, polo que se supón que estaban destinados a animais ou hortos.
Os castros costuman ter unha única entrada que tamén ten a función de impedir o paso. Nalgúns casos é un simples engrosamento nos remates da muralla; outras, un entrepano da muralla sobrepasa ao outro formando un corredor estreito. Suponse que se fechaban con portas de madeira.
As defensas dos castros non parecen responder a necesidades bélicas senón de prestixio e de delimitación simbólica do espazo habitado. Con efeito, son poucas as armas que se teñen atopado. Ademáis das defensas naturais, atópanse estruturas de tres tipos:
- terraplenos. Desniveis no terreo formados por terra e pedra, que poden ser naturais. Son a base das defensas e habitualmente proveñen dos escombros das obras fundacionais no interior.
- parapetos. Elevacións artificiais do terreo nos puntos máis desprotexidos (entradas e zonas chás).
- foxos. Gabias alongadas e profundas, xeralmente asociadas aos parapetos, que poden estar escavados en terra ou rocha viva.
- murallas. Defensas de mampostería de tipoloxía variada, como por exemplo dous muros paralelos de pedras cun recheo de pedra. Desde o interior subíase a eles mediante escadas de madeira, laxas encastradas, rampas ou pedras. Poden existir torres defensivas nos accesos ás portas. Son elementos tardíos.
O máis habitual é a ausencia de organización urbanística. No século I d.C. aparecen agrupamentos de edificacións ("bairros"), formados por varias construcións arrodeadas por un muro cunha soa abertura cara á rua. Pódese tratar de unidades familiares nas que unha construción sería a vivenda e as outras silos, cortes e alpendres. As casas non comparten paredes medianeiras, senón que están separadas das demáis, non se sabe se como reflexo da idiosincrasa desta cultura ou debido ás dificuldades para o facer nas construcións circulares. Tampouco contan con xanelas.
O piso das vivendas era de barro pisado. Con anterioridade aos séculos II-III a.C. os muros construíanse maiormente de pallabarro, cun poste de madeira central; posteriormente usouse mampostería en fiadas máis ou menos horizontais (ou poligonais, nalgún caso). As cobertas facíanse de colmo reforzado con barro e suxeito por pesos ou posteriormente de tellas (tégula e ímbrice). A partir do século I d.C., sob a influencia romana, fanse máis abundantes as plantas cadradas ou rectangulares. O elemento esencial dunha vivenda é a lareira, que no cambio de Era situábase no centro e estaba feita feita con laxes ou barro e a finais do século I d.C. desprázase cara a un lateral e faise, nalgúns casos, con tégulas.
Sospéitase que algúns edificios grandes nos que un banco de pedra percorre o muro e nos non se atopan restos de habitación puideran ter sido recintos de reunión. Téñense localizados tamén fornos de cerámica e alfares, preferentemente próximos das saídas ou no exterior.
[editar] Candidatura a patrimonio mundial
Os castros do Noroeste de Portugal e Galiza serán conxuntamente avaliados pola UNESCO para seren candidatos a patrimonio mundial. Até 2010, por altura da formalización da candidatura, espérase que o número chegue ás dúas decenas.