Cancioneiro da Biblioteca Nacional
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Cancioneiro da Biblioteca Nacional (tamén chamado Cancioneiro Colocci-Brancutti) é unha colectánea de lirismo trobadoresco galaico-portugués (cantigas de amigo, de amor e de escarnio e mal-dizer).
A compilación deste cancioneiro fíxose en Italia no final do século XV ou inicios do século XVI por encargo do humanistaAngelo Colocci. Foi descuberto por Costantino Corvisieri e da Enrico Molteni na biblioteca familiar do conde Brancuti de Cagli; adquirido por Ernesto Monaci, foi cedido polos seus herdeiros ao goberno portugués, que o gardou na Biblioteca Nacional de Lisboa (1924).
Este cancioneiro é un manuscrito cartáceo formado por 355 folios (numerados por Molteni) dun tamaño de 280 por 210 mm con diversas lagoas. Son en total seis mans (incluída a de Colocci) as que traballarían no manuscrito, tradicionalmente supúñase que foran tres, mais os últimos estudos de Anna Ferrari indican que non foi así. Colocci transcribiu do propio puño moitas rúbricas e apostilas marxinais, tamén algunhas razos esquecidas polos copistas; ademais de numerar progresivamente os textos, ou ben reproducir unha numeración precedente, presentando numerosas lagoas e duplicacións. Foi copiado en Italia por amanuenses ibéricos e italianos e compilado por Colocci a partir doutro(s) manuscrito(s) que non chegaron a nós. Os modelos dos apógrafos italianos puideron chegar a Italia na embaixada enviada por D. Manuel I de Portugal ao Papa León X (1514) en que figuraba Garcia de Resende. Alí serían copiados sobre o(s) orixina(l/is) por Colocci e seu equipo creando os volumes dos que hoxe dispomos.
Trátase do cancioneiro máis abundante no número de composicións, pois contén 1560 cantigas dos tres grandes xéneros. Ademais, contén fragmentos dun tratado de poética trobadoresca, a Arte de trobar, e cinco lais narrativos.