Arcos, Cuntis
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
San Breixo de Arcos é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Cuntis. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 705 habitantes (372 mulleres e 333 homes), distribuídos en 11 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 756 habitantes.
Esta formado por os seguintes lugares ou aldeas: A Casiña, Anllada, Arcos de Arriba, Casa da Cruz, Cornado, Ducío, Ferreiros, Furco, O Caeiro, Piñeiro e Piso, ademais do enclave do Alvedro en Loureiro de Arriba (parroquia de Portela), preto do Piñeiro. A parroquia limita ó norte e este co concello da Estrada, coas parroquias de Matalobos, A Estrada, Ouzande e A Somoza. Ao sur e oeste coas parroquias de Cuntis, Piñeiro, Couselo e Portela, todas elas do concello de Cuntis. Arcos de Furcos sitúase na vertente leste do val do río Gallo, ao pé do Castro de Arcos e do monte da Hermida. Nesta zona está a parte habitada da parroquia. Detras destes montes, a parroquia esténdese por unha zona deshabitada, de formas onduladas, coñecida co nome de Chan da Quenlla. Aquí atópase o coñecido Mar dos Moros, pequena lagoa, que nos últimos anos se veu moi deteriorada e desecada pola plantación extensiva de eucalipto. Nesta parroquia nace o río Gallo, afluente do Umia, así como multiples regatos afluentes deste, como son o Lavandeira.
Arcos estivo habitado en tempos prerromanos. Mostra disto e o Castro de Arcos, situado no cumio do monte do mesmo nome. Detrás esténdese o coñecido Campo das Tombas, ampla zona poboada por mámoas, que datan de arredor de 3000 a.c., das que polo de agora non se desenterrou ningunha. Existeu na Idade Media un Mosteiro no lugar do Caeiro, fundado polo Bispo Sisenando no s. IX. As pedras deste mosteiro serviron máis tarde para construír a Igrexa parroquial, que se veu moi modificada ao longo dos séculos, acaecendo a última modificación na primeira metade do século XX, coa incorporación das Capelas Laterais. Pero o verdadeiramente valioso desta Igrexa, son o Cruceiro e un baldaquino que se atopa no valado exterior. Ambos son góticos e datan do século XV. O baldaquino está formado por tres pezas, que representan o nacemento, a adoración dos reis e o descenso da cruz. Crese que se perdeu unha cuarta peza na cal se representaba a crucifixion. O baldaquino ten un altar de pedra que conserva aínda algunhas pinturas de representación vexetal. Ao lado existe unha inscrición en latín.
Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Cuntis | |
---|---|
Arcos (San Breixo) | Cequeril (Santa María) | Couselo (San Miguel) | Cuntis (Santa María) | Estacas (San Fiz) | Piñeiro (San Mamede) | Portela (Santa Eulalia) | Troáns (Santa María) |