Teatro
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Arte > Teatro
Índice |
[editar] Concepto
- Espectáculo baseado na representación da conduta do ser humano. Esta conduta representada, chamada actuación, é realizada por actores.
- Edificio onde se realizan representacións teatrais e espectáculos afíns.
- Repertorio, conxunto de creacións teatrais que se consideran propias dun autor -"o teatro de Vidal Bolaño"-, época -"o teatro das Irmandades da Fala- ou país -"o teatro francés".
O termo provén do grego "theatron", nome que recibían as bancadas en forma de hemiciclo desde onde os espectadores contemplaban as representacións teatrais nos anfiteatros gregos. Theatron viría a ser, logo, o “lugar desde onde se mira”. Posteriormente pasou a designar tamén ó espectáculo mesmo e ó lugar destinado a tales espectáculos.
[editar] Orixe
O teatro nace en Grecia e os primeiros datos documentados de literatura dramática son do século I a.C.; a primeira obra crítica sobre a literatura e o teatro é Poética (330 a.C.) de Aristóteles. A traxedia grega desenvolveuse a partir do V a.C. con autores como Esquilo, Sófocles e Eurípides.
[editar] Trazos distintivos do xénero dramático
Kurt Spang propón no seu traballo El drama. Teoría y comentario (1998) unha listaxe de sete trazos que delimitarían o terreo do texto dramático fronte aos outros xéneros:
- a.- Inseparabilidade de texto e representación: sen podermos tirar da literatura dramática a posibilidade dunha lectura solitaria, deberemos no entanto considerar que un texto dramático se escribe coa finalidade última de ser representado;
- b.- Plurimedialidade do drama: o vencellamento que se establece entre o texto e a representación implica, ademais do carácter colectivo, a utilización conxunta e simultánea de varios códigos, un verbal –o texto– e outros de carácter extraverbal –o decorado, vestiario, o movemento dos actores, sons, música, etc.
- c.- Emisión e recepción conxuntas ou simultáneas, característica que provoca unha estruturación diferente –para alá de que se realice in praesentia no momento da representación teatral– xa que esta recepción colectiva converte o texto dramático nun instrumento de transmisión ideolóxica máis eficaz e, polo tanto, máis perigoso, de aí, que en moitas ocasións o teatro sexa un dos xéneros máis censurados e controlados por parte do poder. Era tópica a afirmación de que o teatro era o "libro dos que non saben ler".
- d.- Autarquía ou ficción de auto-suficiencia: a representación dramática semella manterse por si mesma fóra da presencia do autor e do público.
- e.- Dobre sistema de comunicación: a aparente auto-suficiencia da comunicación das figuras entre si, provoca a necesidade dunha distinción entre dúas comunicacións que se producen simultaneamente na representación teatral grazas ao traballo conxunto dos códigos verbal e extraverbal:
- unha comunicación horizontal e directa (a dos personaxes entre si) e
- outra vertical e indirecta (a do autor co público a través do texto representado).
- f.- O diálogo dramático é funcional e formalmente diferente, ademais de ser a principal -aínda que non a única- forma de comunicación verbal no drama,
- g.- Dobre ficción: ademais da literaria, o espectador enfróntase á ficción do teatro e da representación escénica: os actores actúan como se fosen as persoas que encarnan, o escenario convértese no espacio extraescénico que propón o autor, o tempo non é o da representación senón a ficción que propón o dramaturgo a través do texto.
[editar] Xéneros teatrais
[editar] Formas teatrais híbridas
- Comedia dell’arte, comedia italiana ou bufonesca (XVI-XVIII).
- Teatro épico (XX).
- Teatro do absurdo
[editar] Compoñentes sígnicos da representación
O espectador dunha obra de teatro vive unha ilusión ó ver na escena uns feitos expresados por medio do xesto e das palabras. É a escena como espacio de representación.
Na construcción escénica combínanse variadas ordes artificiais: pintura, escultura e arquitectura fundíndose significativamente para potencia-lo espectáculo, mais hai que sumar outras manifestacións:
-
- decorativas e icónicas, relacionadas cos obxectos escénicos
- vestiario, un factor decorativo
- a luminotecnia, efectos de representación, xogos de voces con funcións diversas: creadores de espacios interiores, destacando perfís, matizando imaxes. Alongan ou acurtan a dimensión da escena; crean efectos de misterio,...
- a música, intensificadora de aspectos concretos da acción dramática, chegando a adquirir valor autónomo.