Pirámide de Zoser
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A pirámide de Zoser é a tumba do faraón Zoser de Exipto (III Dinastía, século XXVII a.C.). Coñécese tamén como pirámide escalonada e foi edificada por Imhotep, o primeiro arquitecto de nome coñecido. É a construción máis notábel da necrópole de Saqqara e foi o prototipo das pirámides de Giza e das restantes pirámides exipcias.
Até a construción da pirámide de Zoser, as tumbas reais consistían en cámaras subterráneas cobertas por unha estrutura de barro en forma de pirámide truncada chamadas mastabas. A pirámide de Zoser está feita en pedra e consiste en seis mastabas enormes, unha encima de outra. Ademáis, a pirámide encádrase nun precinto que constitúe un complexo funerario.
A pirámide escalonada sitúase no centro deste recinto rectangular de 554 m. de norte a sul e 277 de leste a oeste. A muralla é de caliza, medía orinalmente 10,5 m. de altura e tiña catorce portas falsas e só unha verdadeira, que tamén imita unha porta falsa. As construcións teñen fachadas exteriores coidadas mais os interiores son toscos.
Esta entrada na porta falsa leva a un patio pequeno e logo a un corredor de 40 columnas, divididas en dúas fileiras, sobre as que se apoiaba unha coberta de blocos escuadrados e arredondados na parte interior, como imitando troncos de palmeira. O corredor divídese en dúas partes de tamaño desigual e remata unha sala rectangular con oito columnas unidas de par en par por pilastras. Estas columnas son as únicas fasciculadas da arte exipcia.
A continuación, e tras outra porta falsa, hai un patio amplo con dúas construcións enigmáticas que talvez representan as fronteiras norte e sul do reito entre as que o faraón debía realizar a carreira simbólica durante a cerimonia Sed.
[editar] Pirámide escalonada
A "pirámide" de Zoser ten base rectangular (121x109 m.), está orientada de leste a oeste e consiste en seis troncos de pirámide superpostos, sen vértice, até unha altura orixinal de 60 m. A inclinación dos corpos da pirámide é de 16° respecto á vertical e de 22° respecto á horizontal no último nível.
Parece que o deseño da pirámide sofriu unhas seis modificacións, as tres primeiras ainda baixo a idea de mastaba e as outras tres xa como pirámide escalonada. Utilizáronse blocos de caliza silícea extraída dos arredores unidos con argamasa e o exterior revestiuse con pedra caliza fina dun espesor medio de dous metros.
A tumba de Zoser está no centro da pirámide, no fondo un pozo de 28 m. de fondo e 7 de anchura. A cámara funeraria fíxose en granito e revocouse con xeso. O arqueólogo francés Jean-Philipe Lauer atopou restos da momia de Zoser. Arredor desta cámara ábrense catro galerías labirínticas unidas entre si mediante pasadizos. O terceiro proxecto da pirámide consistiu nunha extensión da mastaba orixinal para incorporar as tumbas da familia real. Hai once pozos de 32 m. de fondo polos que se chega a outros tantos corredores horizontais nos que se atoparon dous sarcófagos de alabastro (un deles con restos dun neno de oito anos) e unha vaixela moi variada con máis de 30.000 pezas.
[editar] Outras construcións
O templo das tres columnas acanaladas. Na muralla leste, ao sul da pirámide, hai un templo do que sobresaen tres columnas acanaladas, reconstruídas recentemente até a altura dos capiteis orixinais. No leste hai unha porta falsa semiaberta.
A capela da cerimonia Sed . Ao sul hai un edificio para a festa do trixésimo ano do reinado do faraón, a "cerimonia Sed". Un corredor xira en ángulo recto encanto o muro descrebe un cuarto de círculo; leva á partee sul dun patio alongado e ao que se abren varias capelas. Hai tamén unha tribuna con dúas escaleiras pequenas, que probabelmente simbolizaban os tronos do Alto e Baixo Exipto.
A Casa do Sul. Está ao leste da pirámide e é un edificio decorado con catro columnas acanaladas de 12 m. de altura. A entrada leva aun corredor estreito que remata nunha sala pequena con planta en forma de cruz. con nichos para ofrendas. A Casa do Norte, ao norleste da anterior, ten unha fachada e interior semellantes.
O serdab é unha cámara adosada á cara norte da pirámide. Nela había unha estatua de Zoser e na fachada dous furadiños polos que a estatua podía ollar o mundo exterior.
O templo funerario está situado ao oeste do serdab e atópase en ruínas. Un pasadizo conduce ao sarcófago do faraón e aos níveis inferiores da pirámide.
No interior do lado meridional da muralla hai unha tumba, un pozo de 7 m. de anchura e 29 de fondo cunha cámara de granito cuxa función é descoñecida (talvez representación do cenotafio de Abidos). Moi perto está o santuario correspondente.