Najaf - نجف
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Najaf (نجف, en árabe) é unha cidade de Iraq, capital da provincia de Najaf, é unha das cidades máis santas para o xiísmo. Ten unha poboación de 585.600 habitantes (2003)
[editar] Significado relixioso
En Najaf está a tumba de Ali ibn Abi Talib (coñecido como Imán Ali), que os xiís consideran o primeiro imán. A cidade é agora un gran centro de peregrinaxe para os musulmáns xiís. Tan só A Meca e Medina reciben máis peregrinos islámicos.
Sobre Meshed Ali (Mausoleo de Alí) construíuse unha gran mezquita. Preto da cidade está Wadi-us-Salaam (Val da Paz), o máis grande cementerio do mundo islámico ( e posiblemente do mundo). Ao longo dos séculos numerosos hospicios, escolas, bibliotecas e conventos sufís contruíronse arredor do templo, o que converteu á cidade no centro teolóxico e académico do xiísmo. Moitos deses edificios destruínos o goberno de Saddam Hussein, ao construír unha autoestrada no medio do Wadi-us-Salaam.
Moitos dos grandes eruditos e teólogos (como Allameh Tabatabaei, Aiatolá Khomeini e Aiatolá Sistani) estudaron en Najaf. A cidade, xunto a Qom en Irán, considérase o centro teolóxico do xiísmo.
[editar] Historia
A área de Najaf estaba preto da cidade sasánida de Suristán, tradicionalmente considérase o 791 o ano da súa fundación polo califa abásida Harun al-Rashid. Baixo a soberanía do Imperio Otomano, Najaf sofreu abondosas dificultades como resultado das expedicións de saqueo das tribos árabes do deserto e pola diminución do suministro de auga. A comezos do século XVI a cidade estaba case deshabitada. En 1803 resolvéronse os problemas da auga coa construción da canle de Hindiyya, a poboación rapidamente pasou de 30.000 a 60.000. Mesmo así, Najaf perdeu a súa primacía relixiosa en favor de Qom no século XIX e non a volvería recuperar ata o século XX.
En 1915 a cidade caeu baixo o goberno do Imperio británico, en 1918 unha rebelión matou ao gobernador británico da cidade, os británicos sitiaron a cidade, cortándolle o suministro de auga ata que a rebelión acabou.
Durante o goberno de Saddam Hussein, debido ás afinidades relixiosas con Irán, restrinxíronse as actividades relixiosas dos xiítas. En 1991, durante a Guerra do Golfo unha revolta xií, foi duramente reprimida polo exército iraquí, o resentimento dos xiís contra do goberno non se esqueceu.