Logograma
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Un logograma (do grego λόγος, « palabra » e γράμμα, « carácter, letra ») é un grafema único que denota un lema completo e non soamente unha parte dos seus fonemas. Na maioría dos casos nada indica, nun logograma, o seu significante (como debe ser pronunciado). Noutros termos, é un signo único escrito que representa unha palabra completa, con independencia da lingua.
Un logograma que denota un elemento abstracto da realidade (como unha noción, un morfema ou un lema) é un ideograma. O que representa directamente, dibuxándoo, un elemento concreto da relaidade é un pictograma. Logograma non debe ser confundido con logotipo.
[editar] Logogramas habituais das linguas occidentais
As linguas occidentais con alfabeto latino teñen unha parte moi escasa de logogramas na súa escritura. Porén, entre os logogramas empregados, algúns son de uso moi corrente.
É o caso das cifras chamadas « árabes », por exemplo. En efeito, se collemos o logograma 1, este corresponde en cada lingua a un significante diferente. Dado que estas cifras se empregan case en todo o mundo, o número de significantes que 1 pode representar é moi importante:
- un ou unha en galego.
- un ou une en francés;
- one (mesmo a ou an) en inglés;
- uno ou una en español;
- وَاحِد wāḥid en árabe;
- ichi en xaponés, etc.
Ademais, na serie de logogramas como 10, 1 xa non se le un, one, etc. senón que o conxunto se le, na mesma orde, dez, dix, ten, diez, عَشْرَة ʿašraʰ, jū, etc.
Aparte das cifras, hai outros logogramas célebres:
- o ampersán, &, que se ha ler, segundo a lingua, e, et, and, und, y, etc. ;
- a arroba, @, que se pode pronunciar chez en francés e at en inglés.
Os logogramas teñes a característica de permitiren unha grande intercomprensión escrita: un prezo escrito por un polaco será comprensíbel a un basco sen que este poida necesariamente pronuncialo en polaco.
[editar] Sinogramas
Ademais, os sinogramas (e tamén os kanji e os hanja) baséanse principalmente sobre o sistema logográfico: a intercomprensión escrita permanece posíbel, en degraus diversos, entre locutores de linguas moi diferentes como o xaponés ou o mandarín. Un chinés ha ler, por exemplo, o carácter 貓 māo mentres que para un xaponés representará neko. Os dous han comprender « gato ». Concíbese ademais que unha escritura logográfica implica un gran número de grafemas diferentes para representar todos os lemas do léxico (por outra banda é falso pensar que a cada lema lle corresponde un carácter único, ver sinograma).
A principal dificultade destas escrituras é que fronte a un carácter descoñecido, e segundo a súa complexidade, un lector pode non ser capaz de adiviñar o seu sense, a pronunciación, mesmo ámboslosdous, mentres que con un alfabeto é posíbel, a través dun número limitado de signos, descifrar a pronunciación da maioría das palabras dunha lingua e ligar a súa grafía a un significante, que pode chamar polo significado.
Por exemplo, non hai que aprender específicamente a ler e escribir a palabra francesa chat (gato) para sabelo pronunciar. En todo caso, a única dificultade reside no coñecemento ou non do feito de que a consoante final é muda: todo francófono pode ler /ʃa/ (ou /ʃat/, por error) e ligar estes sons ao significado correcto.
Para os chineses, pero tamén para os xaponeses e os coreanos, a dedución do significante e do significado de 貓 vese facilitada polo feito de que a parte dereitase corresponde á onomatopeia do berro do gato e a parte esquerda á clave que representa un animal con poutas. Sen embargo, a parte fonética deste ideo-fonograma lese miáo e non māo e a clave so de maneira xeral indica que se trata dun animal con poutas, que son moi numerosos. Sería xa que logo exaxerado afirmar que tanto o significante como o significado se deducen « naturalmente » da lectura.