Fósil
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Un fósil (do latín fossus, "desenterrado") son os restos mineralizados de animais, plantas e outros organismos vivos. Na mineralización, os átomos de carbono da materia orgánica son substituídos por átomos doutros elementos ao estar o organismo soterrado. Isto permite que cheguen ata a actualidade os restos dun organismo, completo ou incompleto, que viviu noutras épocas xeolóxicas.
A totalidade dos fósiles e a súa localizacións en formacións rochosas fosilíferas (que conteñen fósiles) e estratos sedimentarios coñécese como rexistro fósil. O estudo dos fósiles chámase paleontoloxía.
Os fósiles normalmente consisten nos restos desarticulados ou parcialmente preservados do organismo mesmo. Porén, os fósiles poden consistir tamén nas marcas deixadas polo organismo cando ainda vivía, como pegadas ou feces. Estes tipos de fósil chámanse ichnofósiles. Por último, a vida do pasado deixa algúns marcadores que non poden ser vistos mais si detectados na forma de sinais químicos; estes coñécense como fósiles químicos ou biomarcadores.
A fosilización fai que toda materia orgánica, degradable, se convirta en mineral e poida estabilizarse quimica e fisicamente. Hai dous conceptos que cómpre aclarar con respecto ós fósiles:
- non tódolos fósiles son pétreos (inda que si a maioría), pois existen tamén materiais fósiles líquidos (coma o petróleo, procedente de madeira) ou gaseosos (coma o gas natural);
- non tódolos restos que chegan ata a actualidade son fósiles: os mamuts ou restos vexetais conxelados dos polos e zonas con neves permanentes ou o pole conservado nas pirámides exipcias (v. polinoloxía) non sufriron un proceso de mineralización;
Os fósiles permiten inferir os tipos e as condicións de vida de épocas prehistóricas. Entre os fósiles máis importantes están:
- petróleo;
- gas natural;
- fósiles dentro de ámbar;
- restos de homínidos dentro de covas e escavacións arqueolóxicas;
Entre os restos máis coñecidos polos seus fósiles están:
- Tiranosaurus rex
- Diplodocus
- Australopithecus, en concreto as especies Australopithecus afarensis e Australopithecus africanus
- Anthropopitecus?
- Paranthropus, en concreto as especies Paranthropus boisei e Paranthropus robustus
- Homo barelghazaii
- Homo afarensis
- Homo habilis
- home de Palestina
- Homo erectus
- neno de Turkana
- Lucy
- Eva (fósil)
- home de Cromagnon
- home de Neanderthal
- Homo floresiensis, descuberto en 2005