Edipo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Edipo é un personaxe mitolóxico, fillo dos reis de Tebas Laio e Iocasta. Ao nacer, un oráculo revela que matará o seu pai, ante o cal decídese que morra. Un pastor é o encargado de executalo, pero só o abandona no monte, no que é atopado por outro pastor, este de Corinto, o cal o leva ante os reis de Corinto, que o adoptan dada a súa incapacidade para ter fillos.
Edipo medra, e sendo xa un home, escoita que matará o seu pai e xacerá coa súa nai. Horrorizado, marcha de Corinto sen destino fixo. Nunha encrucillada de camiños atopa un home ancián, que resulta ser Laio, co seu séquito, e logo dunha trifulca, Edipo mátaos a todos, descoñecendo as súas identidades, excepto a un que resulta ser o mesmo pastor que o abandonou.
Edipo chega a Tebas e nos arrabaldes atopa á Esfinxe, un monstro que se alimenta dos viaxeiros e ten atemorizada a Tebas, que lle propón unha adiviña, Cal é o único animal que anda con dous pés, con tres pés e con catro pés?, que Edipo resolve dicindo que é o home, pois de meniño anda de gatas, mais tarde só sobre os dous pés, e de vello usa un bastón como terceiro pé.
Os habitantes de Tebas danlle como mostra de gratitude o trono baleiro e a man da raíña viúva, Iocasta. Entón comeza unha epidemia en Tebas, que se revela causada pola presenza dun home impío na cidade. Este ha de ser o asasino do anterior rei, que permanece impune. Trala consulta do adiviñador Tiresias, que logo de intentar calar, acaba deixando ver a verdade, que o asasino é o propio Edipo; Edipo acúsao de ser o cómplice dunha conspiración do seu cuñado Creonte para ocupar o trono.
Posteriormente os acontecementos dan unha volta dramática ao chegar un emisario de Corinto anunciándolle a Edipo a morte do seu pai adoptivo, ante o cal ve que a profecía non era correcta. Comentándoo con Iocasta, esta fala do seu fillo, supostamente morto, e da súa profecía. Ambos os dous van falando e percatándose da verdade, polo cal chaman á única persoa que poderá contala enteira, o pastor.
Tras chegar o pastor á corte e contar a verdade, Iocasta afórcase e Edipo cégase cravándose os broches da súa muller nos ollos. Posteriormente, diríxese ao desterro, acompañado das súas fillas, Antígona e Ismene. Diríxense a Colono, onde morrerá molestado polos seus sete fillos, os cales dispútanse o trono da cidade nunha guerra fraticida, que gañaría quen tivese o seu cadáver. Finalmente todos morren.
O mito de Edipo é tratado por diversas traxedias clásicas, dentro da saga tebana, destacando a traxedia Edipo Rei de Sófocles. Outras traxedias desta saga son Edipo en Colono e Os sete contra Tebas.
Edipo tamén dá nome a un complexo psicolóxico, o Complexo de Edipo.
[editar] Véxase tamén
- Sófocles
- Psicoloxía