Cruzadas
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
As cruzadas foron unha serie de campañas militares sancionadas polo Papa, que tiveron lugar entre os séculos XI e XIII, contra os musulmáns para a recuperación de Terra Santa.
Basicamente, estiveron motivadas polos intereses expansionistas da nobreza feudal, o control do comercio con Asia e o afán hexemónico do papado sobre as monarquías e as igrexas de Oriente.
Índice |
[editar] Antecedentes
A derrota bizantina na batalla de Manzikert (1071), a mans dos turcos seliúcidas, provocou que o basileus (emperador) Alejo Comneno escribira unha carta ao papa Urbán II, solicitándolle o envío de mercenarios que loitaran por Bizancio contra os turcos.
Urbano II foi máis alá desta limitada expedición e, no concilio de Clermont (1095) predicou a Primeira Cruzada ao berro de ¡Quéreo Deus!, co obxectivo de liberar Xerusalén de mans musulmás (nas que xa levaba 400 anos).
A predicación de Urbano II provocou unha vaga de fervor tanto no pobo chan como na pequena nobreza (non así nos reis, que non participaron nesta primeira expedición).
[editar] Primeira Cruzada
A predicación de Urbano II puxo en marcha en primeiro lugar a multitudes de xente humilde, dirixidas polo predicador Pedro o ermitán. Este grupo formou a chamada Cruzada dos pobres. De xeito desorganizado dirixíronse cara Oriente, provocando matanzas de xudeus ao seu paso. Á súa chegada a Bizancio, o basileus enviounos, apresuradamente, ao outro lado do Bósforo. Despreocupadamente internáronse en territorio turco, onde os aniquilaron de xeito doado.
Moito máis organizada foi a chamada Cruzada dos príncipes, formada por unha serie de continxentes armados, procedentes principalmente de Francia, os Países Baixos e o reino normando de Sicilia. Estes grupos ían dirixidos por xentes da nobreza como Godofredo de Bouillon, Raimundo de Tolosa e Bohemundo de Tarento. Durante a súa estancia en Constantinopla, estes xefes xuraron devolver ao Imperio Bizantino aqueles territorios perdidos por este frente aos turcos.
Dende Bizancio foron para Siria atravesando o territorio seliúcida, onde conseguiron unha serie de sorprendentes vitorias. Xa en Siria, puxeron sitio a Antioquía, que conquistaron logo dun asedio de sete meses. Non obstante, non a devolveron ao Imperio Bizantino, senón que Bohemundo retívoa para si mesmo, formando o Principado de Antioquía.
Dende Antioquía dirixíronse cara Xerusalén, conquistando algunhas prazas polo camiño e sorteando outras. En Xuño do 1099 sitiaron a capital, que caeu en mans dos cruzados o 15 de xullo do 1099. Na conquista os cruzados realizaron unha terrible matanza, que non respetou a xudeus ou musulmáns, mulleres ou nenos.
Con esta conquista rematou a Primeira Cruzada, co que moitos cruzados voltaron aos seus países de orixe. O resto ficou alí para consolidar os territorios recén conquistados. Xunto ao Reino de Xerusalén (dirixido inicialmente por Godofredo de Bouillon, que tomou o título de Defensor do Santo Sepulcro) e ao principado de Antioquía, creáronse tamén os condados de Edesa (actual Urfa, en Turquía) e Trípoli (no actual Líbano).
Tras estes éxitos iniciais produciuse unha nova vaga de cruzados, que formaron a chamada cruzada de 1101. Porén, esta expedición, dividida en tres grupos, resultou aniquilada polos turcos mentres atravesaban Anatolia. Este desastre apagou os espíritos cruzados durante case 50 anos.
[editar] Segunda Cruzada
Grazas á división dos estados musulmáns, os estados latinos (ou francos, como eran coñecidos polos árabes), conseguiron establecerse e sobrevivir. Os dous primeros reis de Xerusalén, Balduino I e Balduino II, foron gobernantes capaces que estenderon o reino a tódalas terras entre o Mediterráneo e o Xordán, e incluso máis aló.
Integráronse de xeito rápido no cambiante sistema de alianzas locais e así puido verse un enfrentamento entre a alianza dun estado cristiano e un musulmán en contra da alianza doutro estado cristián con outro estado musulmán.
Non obstante, a medida que o espírito de cruzada ía decaendo entre os francos, cada vez máis confortables no seu novo estilo de vida orientalizante, entre os musulmáns ía crecendo o espírito de jihad, principalmente entre a poboación, mobilizada polos predicadores contra os seus impíos gobernantes, capaces de tolerar a presenza cristiá en Xerusalén e incluso de aliarse cos sues reis.
Este sentimento foi explotado por unha serie de caudillos que conseguiron unificar os distintos estados musulmáns e lanzarse á conquista dos reinos cristiáns. O primeiro destes foi Zengi, gobernador de Mosul e de Alepo, que no 1144 conquistou Edesa, liquidando o primeiro dos estados francos.
Como resposta a esta conquista, que puxo de manifesto a debilidade dos estados cruzados, o papa, ao través de Bernardo, abade de Claraval (famoso predicador, autor así mesmo da regra dos templarios) predicou en 1146, a Segunda Cruzada.
A diferenza da primeira, nesta si participaron reis da cristiandade, encabezados por Luis VII de Francia (acompañado da súa muller, Leonor de Aquitania) e polo emperador xermánico Conrado III. Os desacordos entre franceses e alemáns, así como cos bizantinos, foron constantes en toda a expedición.
Cando os dous reis chegaron, por separado, á Terra Santa, decidiron que Edesa era un obxectivo pouco importante e marcharon para Xerusalén. Desde alí, para desesperación do rei Balduino III, no canto de enfrentárense a Nur al-Din (fillo e sucesor de Zengi), elixiron atacar Damasco, estado independente e aliado do rei de Xerusalén.
A expedición foi un fracaso, xa que tras só unha semana de asedio infructuoso, os exércitos cruzados retiráronse e volveron ás suas patrias. Con este ataque inutil conseguiron que Damasco caera en mans de Nur al-Din, que progresivamente ía cercando os estados francos.
Máis tarde, o ataque por parte de Balduino II a Exipto, provocaría a intervención de Nur al-Din na fronteira sur do reino de Xerusalén, preparando o camiño para a fin do reino e a convocatoria da Terceira Cruzada.
[editar] Terceira Cruzada
As intromisións do Reino de Xerusalén no decadente califato fatimí de Exipto levaron ao sultán Nur al-Din a enviar ao seu lugartenente Saladino para facerse cargo da situación. Non fixo falta moito tempo para que Saladino se convertera no amo de Exipto, aínda que ata a morte de Nur al-Din, respectou a soberanía deste. Tras a súa morte, porén, Saladino proclamouse sultán de Exipto e de Siria, dando comezo á dinastía ayyubí.
Como Nur al-Din, Saladino, era un musulmán devoto e decidido a expulsar os cruzados de Terra Santa. O Reino de Xerusalén, xa rodeado por un só estado, e rexido por un rei leproso, Balduino IV, viuse obrigado a firmar fráxiles treguas seguidas por escaramuzas, tratando de retrasar o inevitable final. Á morte do rei leproso, o estado dividiuse en distintas faccións, pacifistas ou belicosas.
A fin do Reino de Xerusalén veu provocada polas accións de Reinaldo de Châtillón, bandido co título de cabaleiro que non se consideraba atado polas treguas firmadas. Saqueaba as caravanas e mesmo armou expedicións de piratas para atacar os barcos de peregrinos que ían á Meca. O ataque definitivo foi contra unha caravana na que ía a irmá de Saladino, que xurou matalo coas súas propias mans.
Declarada a guerra, o groso do exército cruzado, xunto cos templarios e hospitalarios, enfrentouse ás tropas de Saladino nos Cornos de Hattin o 4 de xullo do 1187. Os exércitos cristiáns foron aniquilados, deixando o reino indefenso. Saladino matou coas súas propias mans a Reinaldo de Châtillon.
Saladino procedeu a ocupar a maior parte do reino, agás as prazas costeiras, abastecidas dende o mar, e no mesmo ano conquistou Xerusalén. Comparada coa toma de 1099, esta foi case incruenta, aínda que os seus habitantes deberon pagar un considerable rescate e a moitos fixéronos escravos. O reino de Xerusalén desaparecera.
A toma de Xerusalén conmocionou a Europa e o papa Gregorio VIII convocou una nova cruzada. Nesta participaron os reis máis importantes da cristiandade: Ricardo Corazón de León de Inglaterra, Felipe II Augusto de Francia e o emperador Federico I "Barbarroxa".
Este último ao mando do grupo máis poderoso seguiu a rota terrestre, na que sufriu numerosas baixas. Cerca de Siria, porén, o emperador morreu de conxestión nun río, e o seu exercito desbandou. Só unha pequena parte chegou a Palestina.
Os exércitos inglés e francés chegaron pola rota marítima. O seu primeiro (e único) éxito foi a toma de Acre, o 13 de xullo do 1191, tras a cal Ricardo realizou unha matanza de varios miles de prisioneiros.
Felipe II Augusto estaba preocupado polos problemas no seu pais e molesto polas rivalidades con Ricardo, polo que voltou a Francia, deixando a Ricardo ao mando da cruzada. Este chegou ata as proximidades de Xerusalén, pero no canto de atacar preferiu firmar unha tregua con Saladino, que permitía o libre acceso dos peregrinos desarmados á Cidade Santa.
Deste xeito, cun novo fracaso, pechábase a Terceira Cruzada, deixando sen esperanzas os estados francos. Era cuestión de tempo que desaparecera a estreita franxa litoral que controlaban. Non obstante, resistiron aínda un século.
[editar] Cuarta Cruzada
Tras a tregua firmada na Terceira Cruzada e a morte de Saladino, en 1193, sucedéronse algúns anos de relativa paz, nos que os estados francos do litoral se converteron en pouco máis que colonias comerciais italianas.
En 1199 o Papa Inocencio III decidiu convocar unha nova cruzada, para aliviar a situación dos estados cruzados. Esta Cuarta Cruzada non debería incluir reis e ir dirixida contra Exipto, considerado o punto máis feble dos estados musulmáns.
Ao non ser xa posible a rota terrestre, os cruzados debían empregar a ruta marítima, polo que se concentraron en Venecia. O dogo Enrico Dandolo coaligouse co xefe da expedición Bonifacio de Montferrato, e cun usurpador bizantino, Alexo IV Angel, para cambiar o destino da cruzada e dirixila contra Constantinopla, ao estar os tres interesados na deposición do basileus do momento, Alexo III.
Inicialmente, os cruzados empregáronse para a loita contra os húngaros, en Zara, polo que foron excomungados polo Papa. Dende alí dirixíronse a Bizancio, onde conseguiron instalar a Alexo IV como basileus en 1203.
Porén, o novo basileus non puido cumprir as promesas feitas aos cruzados, o que orixinou todo tipo de disturbios. Foi deposto polos propios bizantinos, que coroaron a Alexo V. Esto provocou a intervención definitiva dos cruzados, que conquistaron a cidade o 12 de abril de 1204.
O saqueo da cidade foi terrible. Miles de cristiáns (incluíndo mulleres e nenos) resultaron asasinados a mans dos cruzados. Desvalixaron e destruíron mansións, pazos, igrexas e a propia basílica de Santa Sofía. Europa occidental recibiu un aluvión de obras de arte e reliquias sen precedentes, produto deste saqueo.
Con isto chegaba á súa fin o Imperio Bizantino, que se desmembrou nunha serie de estados, algúns latinos e outros gregos. Destes, o chamado Imperio de Nicea conseguiría restaurar unha sombra do Imperio Bizantino en 1261.
Os cruzados estableceron o chamado Imperio Latino, organizado feudalmente e cunha autoridade moi feble sobre a maioría dos territorios que supostamente controlaba (e nula sobre os estados gregos de Nices, Trebisonda e Epiro).
A Cuarta Cruzada asestou un dobre golpe aos estados francos de Palestina. Dunha banda, privounos de reforzos militares. Por outra, ao crear un polo de atracción en Constantinopla para os cabaleiros latinos, produciu a emigración de moitos que estaban en Terra Santa cara o Imperio Latino, abandonando os estados francos.
[editar] As cruzadas menores
Tras o fracaso da cuarta, o espírito cruzado apagárase case por completo, aínda co interese dalgúns reis e papas por reavivalo. Se os estados francos sobreviviron ata 1291 foi pola intervención dos mongois, que ao acabar co califato Abbasi en 1258 e conquistar a rexión de Oriente Medio, deron un respiro aos latinos, ao non ser os mongois hostís ao cristianismo.
O convencemento de que os reiterados fracasos se debían á falla de inocencia dos curzados levou á conclusión de que só os puros poderían reconquistar Xerusalén. No 1212 un predicador de doce anos organizou a chamada cruzada dos nenos na que miles de nenos e xoves percorreron Francia e embarcaron nos seus portos para ir liberar Terra Santa. Foron capturados por capitáns desaprensivos e vendidos como escravos. Só algúns conseguiron regresar ao cabo dos anos.
A V Cruzada foi organizada por Inocencio III e partiu en 1218. Como a IV Cruzada, tiña como obxectivo conquistar Exipto. Tras o éxito inicial da conquista de Damietta na desembocadura do Nilo, que aseguraba a supervivencia dos estados francos, aos cruzados puídolles a ambición e intentaron atacar Cairo, fracasando e debendo abandonar incluso o que conquistaran, en 1221.
A organización da VI Cruzada foi un tanto rocambolesca. O papa ordenara ao emperador Federico II Hohenstaufen que fora ás cruzadas como penitencia. O emperador asentira, pero fora demorando a partida, o que lle valeu a excomuñón. Finalmente, Federico II (que tiña pretensións propias sobre o trono de Xerusalén) partiu no 1228 sen o permiso papal. Sorprendemente, o emperador consiguiu recuperar Xerusalén mediante un acordo diplomático. Tamén obtivo Belén e Nazareth.
No 1244 caeu de novo Xerusalén (esta vez de xeito definitivo), o que moveu ao devoto rei Luis IX de Francia (San Luis) a organizar unha nova cruzada, a Séptima. Como a V, dirixiuse contra Damietta, pero foi derrotado e feito prisioneiro en Masura (Exipto) con todo o seu exército.
Voltou a Francia, o mesmo rei emprendeu a chamada VIII Cruzada (1270), contra Túnez, aínda que en realidade era un peón nos intereses do seu irmán Carlos de Anjou, rei de Nápoles, que quería evitar a competencia dos mercaderes tunecinos. A peste rematou co rei Luis e grande parte do seu exército.
Aínda que algúns papas tentaron predicar novas cruzadas, xa non se organizaron máis e, no 1291, os cruzados evacuaron a súas derradeiras posesións en Tiro, Sidón e Beirut coa caída de San Xoán de Acre.
[editar] Bibliografía básica en castelán
- Runciman, Steven. Historia de las cruzadas (3 vols.) Alianza Editorial.
- Oldenbourg, Zoe. Las cruzadas, Edhasa.
- Maalouf, Amin. Las cruzadas vistas por los árabes, Alianza Editorial.