Cine
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O cine é unha arte, un espectáculo e unha industria nado a finais do século XIX froito dos avances tecnolóxicos que se desenvolveron no mundo da óptica ó longo do século XIX e que deu orixe ó invento presentado ó público o 28 de decembro de 1895 en París do cinematógrafo dos irmáns Lumière —un dispositivo que nos seus comezos servía de cámara para o rexistro de imaxes e de proxector para unha audiencia colectiva&mdash e que ó longo de 1896 se vai difundir polas cidades europeas e americanas;. Anos antes no laboratorio de Edison nos Estados Unidos Thomas A. Edison e W.K.L. Dickson desenvolveran o Kinetoscopio e o Kinetógrafo, un proxector individual e unha cámara respectivamente.
As características principais do cine no seu nacemento son a súa capacidade para captar e reproducir o movemento, e tamén que a imaxe perdure máis alá da morte. Estes dous compoñentes producirán gran impacto nos primeiros espectadores que se sorprenden e asustan coa proxección da chegada do tren que se achega cara eles nunha das primeiras películas dos irmáns Lumière.
En esencia o cinema consiste na filmación dunha serie de imaxes fixas —fotogramas— que ao proxectarse reproducen a sensación de movemento. No cine mudo o número de fotogramas oscilaba entre 15 e 18, e no cine sonoro pasaron a ser 24. Durante moito tempo afirmouse que iso debeíase á persistencia retiniana, unha característica do ollo que fai que a imaxe permaneza na retina durante unha fracción de segundo, agora sábese que o proceso é moito máis complexo.
Como resultado dos inventos dos Lumière e de Edison-Dickson axiña se percibiu unha importante diferenza nas películas que facían. Uns —os Lumière— filmaban películas no exterior como La sortie des usines Lumière de 1895 e outras moitas semellantes inspiradas na súa concepción na fotografía, e outros —Edison-Dickson— na técnica teatral coas películas filmadas no primeiro estudo cinematográfico o Black Maria cos actores situados sobre un telón de fondo.
Tras un período no que o cine imitaba a outras técnicas e/ou artes atopou o seu camiño propio, e non pasou moito ata que aparecesen os primeiros elementos narrativos nas películas. En L'arroseur arrosé (1895) dos Lumière xa vemos o xerme —moi esquemático— dunha historia. Nunha primeira época entre 1895-1903 asistimos a un momento pleno de experimentos, Le voyage dans la Lune (1902) de Georges Méliès introduce un suxerente mundo de fantasia nas películas e o comezo dos efectos especiais nos filmes. The life of a american fireman (1902) e sobre todo The Great Train Robbery (1903) de Edwin S. Porter son exemplos dunha emerxente utilización da montaxe e amosan esbozos de narración.
É en Francia, Reino Unido, Estados Unidos de América, Dinamarca e Italia onde comezan a sentarse as bases dun arte novo, primeiro asociado ao espectáculo de feira e as variedades. Unha especie de "teatro dos pobres" que enseguida acada un status propio. Hacia 1915 David Wark Griffith, o pioneiro cineasta norteamericano, sintetiza e estrutura en The birth of a nation todos os descobrimentos dos anos anteriores. Griffith comeza a superar a forma primitiva —entedida esta coma un estadio anterior do cine— e senta as bases da narrativa clásica. Na película aparecen sistematizados recursos propios do modelo de narración que reinará décadas despois. Un espazo narrativo que se constrúe co plano de situación, a estruturación en torno ao eixe, o plano-contraplano, a inserción de primeiros planos, a elaboración da continuidade na montaxe xunto ca montaxe en paralelo e a montaxe converxente.
Hoxe en día, como pasa con outros filmes da época, circulan varias versións da montaxe de The birth of a nation —unha obra que trata da guerra de secesión norteamericana —. A análise da secuencia do asasinato de Abraham Lincoln constitúe un exemplo significativo deste modelo de forma cinematográfica. Neste fragmento conviven rastros da forma primitiva co corpus da montaxe que dará pé ao cine clásico. Xunto co plano de situación (un plano que define e acouta o espazo da escea), unha continuidade que prefigura o concepto de raccord aparecen tratamentos coma o do asasino de Lincoln (John Wilkes Booth) que parece tomado no antigo Black Maria de Edison. O modelo está formulándose pero aínda quedan titubeos.
En paralelo á historia das décadas dos 20 e 30 do século XX o cine vive un período de particular fecundidade. A forma cinematográfica do cine mudo multiplícase en diversos modelos: o cine orgánico americano, o cine dialéctico soviético, o expresionismo alemán, o realismo poético francés ademais doutros movementos vangardistas.
[editar] Ver tamén
- Historia do cinema
- Directores de cinema
- Actores e actrices
- Cine de animación
- Cinema de terror
- Cine galego
- Historia do cine en Galicia
- Filmes
[editar] Ligazóns externas
- Cineclube Lumière. Cineclube vigués con proxeccións habituais, para socios e non socios e con videoteca propia para o empréstimo.
- Cineclube Compostela. Cineclube compostelán con proxeccións e ciclos habituais. Nesta páxina podes atopar información sobre o mesmo, mais tamén sobre os filmes que proxecta.