Batalla de Inglaterra
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
A Batalla de Inglaterra foi unha das batallas máis importantes da Segunda Guerra Mundial, librada entre as forzas aéreas do Reino Unido (RAF) e a Alemaña nazi (Luftwaffe) nos ceos de Gran Bretaña durante 1940 e 1941. Segundo os historiadores británicos, comeza o 10 de xullo de 1940 e remata o 31 de outubro de 1940, mentres que os alemáns din que durou dende agosto de 1940 ata maio de 1941; dependendo de que se considera batalla. Non obstante, os combates aéreos alcanzaron o seu cumio dende agosto ata outubro de 1940, onde sucederon as loitas decisivas.
[editar] Situación
Trala rendición de Francia e a evacuación de Dunquerque de forzas anglofrancesa, a guerra na Europa continental rematara, e so quedaba o Reino Unido para facer fronte ó Eixe. A Alemaña nazi quería chegar a un armisticio cos británicos, e había nas illas unha certa tendencia a non arrisca-la soberanía nunha longa guerra contra o aparentemente invencible réxime nazi, sobre todo polo recordo da I Guerra Mundial. Mais Winston Churchill, primeiro ministro británico, negouse tallantemente a chegar a unha paz que permitise a Alemaña asoballar a Inglaterra en calquera momento, e as preparacións da invasión de Gran Bretaña comenzaron no estado maior alemán.
Para invadir Gran Bretaña, Alemaña tiña que asegura-los mares destruíndo a inmensa flota do Imperio Británico, e para destruí-la flota primeiro tiña que asegurarse a superioridade aérea, e polo tanto aniquilar ás forzas aéreas e as industrias que as nutrían de avións. Alemaña tamén quería bombardear obxectivos estratéxicos para así mina-la moral do pobo británico, seguindo as teorías de "bombardeo estratéxico" que puxera en práctica durante a Guerra Civil Española e a invasión de Polonia.
O mariscal do aire da Luftwaffe, Hermann Göring, chamou ó plan de ataque Adlerangriff ("Ataque de aguia"), que comezaría o 11 de agosto de 1940. Antes, dende o 10 de xullo que citan as fontes británicas, os alemáns porían a proba a capacidade da RAF no Canal da Mancha.