Ameixa, molusco
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Ameixa é o nome empregado comunmente para designar varios moluscos bivalvos que viven enterrados en areas ou barros das beiras dos ríos e océanos.
Logran enterrarse mediante os movementos dun pé musculoso que se asemella a unha lingua. Este está cuberto por dúas valvas unidas entre si por un pequeno ligamento que posibilita a apertura e pechamento da cuncha.
Entérrase aproximadamente entre 5 e 30 centímetros da superficie e soporta temperaturas de 5 a 35 graos centígrados, a baixamar e os cambios de salinidade.
Aliméntase de pequenos seres vivos mediante a filtración de auga. Acostuman ter os sexos separados e a fecundación é externa.
Existen varias especies destes moluscos:
- Ameixa amarela (Mesodesma mactroides): Distribúese sobre as costas do Océano Atlántico, desde Río de Xaneiro, Brasil, até a desembocadura do Río Negro na Arxentina.
- Ameixa fina europea (Tapes decussatus): Encóntrase no Mediterráneo, o norte do Océano Atlántico e o Mar do Norte.
- Ameixa dura: que vive desde o golfo de San Lourenzo até o golfo de México.
- Ameixa xigante (Tridacna xigas): que vive nos arrecifes coralinos do Océano Pacífico e o Océano Índico.
- Ameixa xapónica (Ruditapes philippinarum): Orixinaria das costas francesas e inglesas, é de crecemento rápido, polo cal é utilizada para o cultivo en España, Francia e Inglaterra.
- Ameixa loura (Tapes rhomboideus): procedente das costas portuguesas, actualmente cultívase en España.
- Ameixa babosa (Tapes pullastra): Cultivada especialmente na Galiza.
- Ameixa de auga doce (Diplodon chilensis): Encontrada comunmente nos ríos do centro e sur de Chile e Arxentina.
- Ameixa Chocolata (Megapitaria squalida): encontrada no golfo de California.