Seitura
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Atención: Este artigo precisa un traballo de revisión.
Por favor vexa a lista de Artigos con problemas e mellóreo de acordo coas indicacións que aparecen nesa páxina. Cando os problemas se resolvan retire esta mensaxe e borre a páxina da lista de artigos con problemas, pero por favor non quite esta mensaxe ata que estea todo solucionado.
A seitura ou sega era un traballo tradicional do agro galego que consistía en segar a planta de centeo ou trigo para despois na malla separar o gran da palla e almacenalo logo nas uchas ou tullas para consumilo durante o ano (facer pan, para os animais e para sementar á volta do ano).
Tradicionalmente, polas condicións climáticas, en Galicia cultivábase maiormente centeo e non trigo (na Galicia central, ata hai ben pouco chamábaselle pan ó centeo).
Ata a década de 1970, data en que se foi xeneralizando a introdución de apeiros mecánicos, un día de seitura consistía no que a continuación se dirá:
Como era un traballo colectivo, no día sinalado (un día de sol contra o 25 de xullo, como dí o refrán: polo San Xoán sécalle unha raíz ó pan, polo San Pedro sécalle a do medio e polo Santiago fouciños ó agro) o dono das leiras chamaba unha cuadrilla de homes e mulleres, algúns a xornal, outros por razóns de vecindade e axuda mutua e outra parte por familiares. Todos eles presentábanse na casa do dono nada máis romper o día, provistos dos apeiros necesarios para o labor que ían realizar: os homes con fouciños e as mulleres e nenos so coas gañas de traballar. Era costume ofrecerlles de almorzo caldo requente, torresmos con pan ou leite mazado.
Había que aproveitar as primeiras horas do día, xa que a calor provocaba que se debullara o gran e se perdera. Xa na leira os homes en ringleiras ían segando a palla e poñendoa en feixes. Non era raro que houbera unha grande competencia entre os segadores mais afamados de cada lugar. Antes de escomenzar a xornada afiábanse os fouciños na moa da casa e despois cada segador ía provisto dunha pequena pedriña que utilizaba para afiar o apeiro se este se cegaba.
Era raro ver unha muller segando, xa que o traballo reservado para esta era coller o feixe de palla, sacudirlle os fentos ou outras herbas malas que levase, e atalo cunha presa da mesma palla ata facer un mollo . Os nenos (algúns de so 5 ou 6 anos) recollían tras das atadoras as espigas que ían quedando e tamén tiñan que ir á fonte máis próxima por auga fresca nuns porróns de barro para os traballadores, e encargarse de gardalos á sombra para que no se quentara a auga. E outros dedicábanse a recoller "pan corvo" que logo se vendería.
Cando a calor apretaba, o normal era retirarse, ben para comer nunha carballeira ou na casa do dono, que tiña a obriga de ofrecerlles a comida, que era o único pago para moitos deles. Unha vez segada unha leira, o normal era trasladarse a outra do mesmo propietario se non estaba moi lonxe e había tempo dabondo no mesmo día. O último traballo era apilar os mollos en medouchos ou montons perfectamente construídos que protexían o gran dos paxaros e posibles inclemencias do tempo ( a espiga escondíase no interior do montón e cara fora so quedaba a palla) ata que se trasladaran a eira para facer a meda unha ver remataba a seitura.
Normalmente na construción dos medouchos participaban os máis vellos que dirixían este labor ou a facían eles mesmos, namentras os rapaces lles traían os mollos espallados pola leira. Era costume que as mulleres fosen provistas de medias gordas ou ben de pantalóns para evitar as feridas das canas que quedaban unha vez cortado o pan. A mesma precaución tiñan que adoptar os nenos. Esta forma de facer a seitura pervivíu inalterable durante séculos, ata que como dicíamos, a finais da década de 1960 e principios de 1970 apareceron as segadoras mecánicas ( as clásicas " Bartollini " ) que sustituíron os fouciños, se ben as atadoras, os mollos e os medochos seguíronse facendo igual. E xa a mediados da década de 1980 chegaron as colleitadoras que facían a un tempo a sega e a malla.
[editar] Bibliografía
- Scipio, Turubelo, Xullo 2006.