Old Firm
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Este é o termo que se emprega pra facer referencia ós dous clubes de máis sona de Glasgow, o Celtic e mailo Rangers ou tamén pra facer referencia ós seus derbis que ó longo da tempada se prolongan a catro na competición ligueira e tamén a miudo se vén as facianas nalgunha competición copeira coma a Copa de Escocia ou a Copa da Liga de Escocia. O emprego desta denominación provén dos afecionados do resto de clubes da Escocia que de xeito certamente retrinqueiro, cecais influenciados pola envexa de todo o que move un partido destas características, se referían así ós encontros que porían en liza a ambolos dous equipos.
Máis adiante, nos primeiros anos 80, apareceu o que se deu en chamar New Firm que facía referencia ós enfrontamentos de dous equipos que daquela estaban ben de moda na Escocia por facerlle fronte ós dous clásicos de Glasgow, o Aberdeen F.C. e o Dundee United.
Hai que salientar que ata a fin da campaña 2005-2006 o Old Firm acumulaba un total de 91 títulos de Liga, 64 Copas e 37 Copas da Liga. De tal xeito que estariamos a falar dunha suma de 192 títulos oficiais a nivel nacional. E coma resultado de semellante diferenza de nivel ó longo de case que toda a historia con respecto ó resto de conxuntos escoceses, ámbolos dous equipos de Glasgow tentaron tempo atrás de maneira infructuosa integrarse nas competicións inglesas pra medra-los seus ingresos e gañar en competitividade. De terse levado isto a bo porto, calculouse que a economía escocesa tería perdido arredor de 120 millóns de £ con todo o que iso podería supór.
[editar] Orixe da rivalidade
O enemistamento entre ámbolos dous clubes non ten unha orixe sinxelamente deportiva como a que pode haber entre dous conxuntos calquera que pertencen á mesma cidade, senón que no caso do Old Firm falamos dun trasfondo de caracter relixioso. A comunidade católica de Glasgow formada por escoceses desa crenza e irlandeses chegados da emigración eran do Celtic namentres o resto da poboación de Glasgow que tiña crenza protestante ou presbiteriá eran afecionados do Rangers. Esta enemizade non só deportiva senón que tamén con caracter relixioso produciu durante diferentes etapas da historia dos clubes enfrontamentos entre afecións nos que se chegaron a rexistrar vítimas mortais.
Pero seica eses tempos xa son cousa do pasado posto que a atmosfera que se vive arestora en Glasgow é moito máis pacífica xa dende hai unhos anos. E disto boa culpa a tiveron ambalas dúas diretivas do Old Firm así coma tamén a colaboración prestada polo Parlamento escocés, distintos coletivos relixiosos e outras organizacións.
Polo tanto segue a existir unha grande rivalidade entre os dous equipos mais agora raíña cada vez máis o Fair Play e todo queda no terreo de xogo.