Matías López López
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Matías López López (Santa Mariña de Sarria, 17 de maio de 1825 - Madrid, 18 de xuño de 1891) foi un benefactor do concello de Sarria.
Industrial chocolateiro en Madrid, político e filántropo sarriao, foi o membro máis destacado da familia dos "Moreno" de longo asentamento na vila de Sarria. Matías López López, fillo e neto de labregos pobres, naceu na casa paterna, que é a que hai entre os números 77 e 79 da Rúa Maior (numerada pola Travesa da Igrexa), e que na fronteira á rúa ten unha lápida que di:"El Ayuntamiento de Sarria al Excmo. Sr. D. Matías López López. Benefactor e insigne hijo de esta villa. Nació en esta casa el 17 de mayo de 1825". Pola Rúa Maior presenta baixo e dous andares e pola Travesa da Igrexa un só andar. É unha das máis humildes e reducidas casas da Sarria histórica, e no cadastro do Marqués de la Ensenada (1753) aparece sendo titular dela unha María López. Emigrado Matías López a Madrid, seguindo o camiño documentado en dúas xeracións anteriores dos "Moreno", froito da súa intelixencia e esforzo, alcanzou o máis grande suceso económico e postos de relevancia na política e no mundo empresarial ,sendo destacado promotor do asociacionismo derredor da Cámara de Comercio madrileña. Formou familia en Madrid, casou con dona Andrea Andrés Sánchez, e alí, e en El Escorial, naceron e morreron os seus fillos, sobrevivindo só as fillas Rosa, Carme e Asunción, das que quedará unha numerosa descendencia. Hai emporiso dous feitos que sinalar en relación ó mantemento dos seus elos de unión con Sarria.
a) O nacemento do seu neto Matías Oñate López (que, andando o tempo, sería Marqués de Ugena e "Fillo Predilecto de Sarria) en Santa Mariña de Sarria. Era fillo de José Oñate Ruiz, Senador do Reino e de Rosa López Andrés.
b) O falecemento en Sarria do seu neto José Oñate López, que foi enterrado no panteón familiar aínda hoxe existente, á man dereita segundo se entra, no cemiterio de Santiago de Farbán, onde tamén foron enterrados outros membros da familia, así como unha "fiel sirvienta" á que se adicou unha sentida lápida. Hoxe este panteón pertence á familia da Casa Quexeiro de Farbán.
Após a súa morte, a súa viúva, dona Andrea Andrés Sánchez, obtivo da Santa Sede o título de Marquesa de Casa López (Matías López nunca tivo o título de marqués, sendo erro moitas veces repetido atribuírlle esa condición). En cumprimento de disposición testamentaria de don Matías López, con cargo á súa testamentaría edificouse o soberbio edificio das Escolas Públicas de Sárria, segundo proxecto redactado por Luís Bellido, cun orzamento de contrata de 85.871,82 pta. O construtor foi José Rivas Novoa, veciño de Lugo, que segundo recibo de 20 de setembro de 1897 recibiu outras 4.252,59 pesetas, que lle entregou don José Oñate y Ruiz, polas obras executadas fora de proxecto. As escolas, dotadas con moderno material, foron a mellor proba do cariño que con Sarria tivo sempre don Matías López, quen se desprazaba a Sarria con moita frecuencia, malia a dificultade das comunicacións con Madrid, tendo todo xénero de deferencias para coa súa terra natal, que tamén llo tivo en conta ó darlle representación no Congreso e no Senado, mercede ó voto popular. En 1878 o concello, dado que o reloxo de Santa Mariña estaba inservible, prégalle a don Matías López que adquira un en Madrid (28 de abril). En 1885 don Matías López, Senador do Reino, dá 500 pta. e ofrece máis se fixeran falla, para algunhas medidas excepcionais por mor da epidemia de cólera ( 13 xullo). O ano 1886 o concello acordou obsequiar a don Matías López cunha serenata, no mes de agosto, por xoves afeizoados. O pagamento acórdano en 12 de agosto. En 1888 acordan darlle o nome de RUA MATÍAS LÓPEZ ó treito comprendido entre as casas de Juan Puga e a de Bernardo Rodríguez Romay, " xa que mirou ó pobo sempre con cariño e predilección, interesándose pola súa grandeza e distinguíndoo con algún donativo" (5 de xaneiro). Don Matías López paga os letreiros das rúas (3 de maio) e acordan darlle unha serenata (12 de xullo). En 1890 dirixe carta sobre supresión de Xulgados. Diríxense a este e ó Conde Pallares, Manuel Becerra, Benigno Quiroga L. Ballesteros... para que xestionen non se suprima o de Sarria (25 de outubro).