Laika
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Laika (Cirílico: Лайка), unha cadela terrier, foi o primeiro ser vivo en orbitar a Terra. Orixinalmente chamada Kudryavka ("pequeno rizo") foi renomeada Laika ("ladradora"). A cadela Laika foi lanzada ó espazo a bordo do Sputnik 2 o 3 de novembro de 1957, un mes despois de que o satélite Sputnik 1 fose posto en órbita.
Laika era unha cadela sen fogar nas rúas de Moscú. Xunto con outros dous cans (Albina e Mushka) foi probada e adestrada para as demandas da misión nun centro de investigación da capital rusa. O adestramento requería acostumar os cans ó contorno co que se atoparían na viaxe: espazo reducido da cápsula, ruidos, vibracións e aceleracións. O mesmo proceso xeral sería máis tarde empregado no adestramento dos cosmonautas soviéticos.
Finalmente Laika foi seleccionada para a misión, sendo Albina a súa eventual sustituta. A súa viaxe foi anunciada e recibida con sorpresa e admiración por millóns de persoas en todo o mundo. Os sinais vitais de Laika foron monitorizadas atentamente mentres durou a misión. Non obstante, a demanda de resultados rápidos do programa espacial soviético era moi grande naquela época, e o Sputnik non foi deseñado para permitir o retorno á Terra da súa pasaxeira, motivo polo cal Laika morreu no espazo. Inicialmente houbo unha grande controversia sobre o destino de Laika. As versións das informacións dadas polos oficiais soviéticos indicaban que Laika morreu tras 4, 7 ou 10 días, por medio dunha dose de gas na cápsula ou unha porción de comida envelenada. No 2002, novas informacións revelaron que a cadela morrera 7 horas despois do lanzamento, ó non resistir o estrés extremo e o quecemento da cápsula. Despois de Laika, ningunha outra misión tripulada por cans foi lanzada sen que existise un sistema para o retorno seguro do animal.
En distintos países creáronse selos de correo coa imaxe de Laika conmemorando o seu voo. No 1997 construiuse na Cidade das Estrelas un monumento en homenaxe ós heroes da historia da astronáutica soviética. Nunha das partes do monumento está representada Laika, entre as pernas dun dos cosmonautas.