Dolmen de Dombate
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O dolmen de dombate sitúase no concello de Cabana de Bergantiños, na Comarca de Bergantiños. Perto del atópanse outros monumentos coñecidos pola existencia de arte parietal: Pedra Cuberta e Casa dos Mouros. Construíuse na primeira metade do IV milenio e a cámara a finais dese mesmo milenio. Foi usado en diferentes épocas e evidenciouse un uso que vai dende o ano 3.900 a.c. ata o 2.700 a.c., momento no que se clausura o monumento.
Foi excavado polo arqueólogo José María Bello Dieguez nos anos 1987 e 1989.
O túmulo, ou mámoa, ten uns 24 m. de diámetro e 1,80 m. de altura. Consta dunha camada de terra escura recoberta parcialmente por unha coiraza pétrea formada por pedras planas depositadas horizontalmente que marcan o perímetro e pedras ben trabadas no interior. Sospéitase que orixinalmente o túmulo recobría até á altura do corredor e que a anta ficaba á vista.
A anta consiste nunha cámara poligonal ancha formada por sete ortóstatos, un dos cales mide 4,64 x 3 m, e un corredor de tres tramos, ben diferenciado en planta e en sección. A entrada estaba pechada cunha lousa vertical recoberta de pedras. Entre algúns ortóstatos colocáronse lousas alongadas polo exterior para contribuír a fechar o oco. As gabias de substentación atinxen profundidades de 140 cm. na cámara e 70 cm. no corredor.
Baixo o túmulo coñecido existiu un megálito anterior no tempo de menor tamaño e complexidade consistente nunha cámara simple, alongada e aberta composta por nove ortóstatos e dimensións de 240x190 cm. O seu túmulo tiña 10,5 m. de diámetro e estaba coberto por unha coiraza de unha soa camada de pedras.
No segmento inicial do corredor atopáronse 20 pequenos ídolos. Os ortóstatos da cámara conteñen gravuras. Todas as lousas, tanto na cámara como no corredor, contan con pintura. Esta distribúese en dous rexistros horizontais separados por unha banda vermella de puntos vermellos e negros, sendo o conxunto unha composición na que prima a xeometricidade (zigue-zaques, bandas verticais e oblícuas, ondulados, retículas, etc.).
Tamén se atoparon unha fieira de ídolos, vinte en total colocados frente ao corredor e no límite do túmulo e un notable axuar lítico e cerámico.