Verbo dos arxinas
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O verbo dos arxinas é unha xerga gremial dos Canteiros de Pontevedra. Tamén é chamado Latín dos Canteiros, O Verbo e mesmo Arxina.
Na sociedade tradicional galega, e europea en xeral, as persoas podían pasar toda a súa vida sen ver máis mundo que o lugar no que naceran ou casaran. As excepcións a esta regra non escrita eran as clases altas e os membros de gremios con necesidade de desprazamentos para realizar o seu labor. Os canteiros eran os encargados do fornecemento de pedra ás obras, de extraela da mina, de tallala, ser arquitectos, colocala na obra... e polo tanto debían trasladarse lonxe da súa residencia por periodos de tempo variábeis. Os habitantes dos lugares onde traballaban tiñan unha certa predisposición negativa cara ao forasteiro e eles érano. Unha das armas que empregaban para defenderse era a súa fala gremial. Esta é O Verbo dos Arxinas.
É unha xiria gremial da lingua galega pero con abondosas importacións doutras linguas coma o éuscaro, francés, latín en grande medida e doutras en menor.
O seu estudo foi sempre dificultado pola resistencia que ofrecen os posíbeis informantes ao considerala unha lingua secreta e privada do seu gremio. Co tempo esta resistencia faise máis mol debido á caída en picado do seu uso, á desaparizón do gremio como tal, a mutación dos seus labores e a suplantación por obreiros, albaneis e demais profesións da sociedade actual. Estes traballadores non aplican nin coñecen o Verbo.
Suponse que esta fala gremial ten continuidade desde moi atrás no tempo pero debido ao seu caracter oral tan só podemos aventurarnos a afirmalo en base a palabras que cairon en desuso no galego común, e noutras linguas, que eles manteñen e na súa maneira de pronunciar, poño por exemplo, os pronomes franceses: moi, toi e soi que os prununcia tal como se len. Na antigüidade en Francia debeuse de pronunciar deste xeito. Isto non demostra que a xiria vivise cando caquela en Francia se falaba así pero tampouco é nada claro que fose unha nova adquisición en base á unha lectura pouco acertada do francés. Outra maneira de ver a antigüidade é a converxencia que ten con outras falas gremiais moi afastadas da galega no sei vocabulario. Isto dáse tanto cos pedreiros portugueses, o cal era de agardar, pero tamén cos Tamargos asturianos, a fala de Bron, a Mansolea, a Gaceira, o Barallete, a Pantoja, a Jarla....