Manifesto Russell-Einstein
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O Manifesto Russell-Einstein é un texto redactado por Bertrand Russell e apoiado por Albert Einstein, firmado en Londres o 9 de xullo de 1955. En medio da Guerra Fría, os firmantes alertaban da perigosidade da proliferación do armamento nuclear e solicitaban aos líderes mundiais buscar solucións pacíficas aos conflitos internacionais. Foi firmado por once científicos e intelectuais de primeira liña, o máis notábel deles Albert Einstein, uns días antes da súa morte o 18 de abril de 1955. Uns días despois de ser mostrado, o filántropo Cyrus Eaton ofereceuse para organizar unha conferencia en Pugwash, Nova Escocia (Canadá), o lugar de nacemento de Eaton. Sería a primeira das ditas conferencias, que se foron celebrando cada ano desde 1957.
Índice |
[editar] Contexto
A primeira explosión nuclear da historia sucedeu o 16 de xullo de 1945 no deserto norte de Alamogordo, Novo México. O 6 de agosto dese mesmo ano, os EE.UU. lanzaron a bomba "Little Boy" en Hiroshima, e tres días despois "Fat Man" en Nagasaki. Polo menos 100.000 civís foron asasinados naqueles dous ataques. (Véxase Bombardeos sobre Hiroshima e Nagasaki)
O 18 de agosto de 1945, o Glasgow Forward publicou o primeiro comentario que se conserva de Bertrand Russell sobre as armas atómicas, que comezou a escribir o día en que Nagasaki se bombardeou. Contén as liñas que posteriormente aparecerían no Manifesto:
A perspectiva da raza humana escureceuse máis aló de calquera precedente. A humanidade enfróntase a unha clara alternativa: Ou ben morimos todos ou ben adquirimos un lixeiro grao de sentido común. Un novo pensamento político será necesario se se quere evitar o desastre final.
Despois de saber do bombardeo de Hiroshima e vendo a inminente escalada armamentística nuclear, Józef Rotblat, o único científico que abandonou o Proxecto Manhattan por cuestións morais, afirmou que se achaba totalmente preocupado polo futuro da humanidade.
Nos anos seguintes, Russell e Rotblat traballaron para evitar a proliferación nuclear, colaborando con Albert Einstein e outros científicos para finalmente constituír o Manifesto Russell-Einstein.
[editar] O manifesto
O manifesto revelouse nunha conferencia de prensa no Caxton Hall, Londres, presidida por Rotblat. Russell comezou a conferencia dicindo:
"Traio a advertencia pronunciada polos signatarios á atención de todos os gobernos de grande alcance do mundo coa esperanza seria de que poden acordar permitir que sobrevivan os seus cidadáns."
No mencionado manifesto chama os científicos a unha conferencia onde se puidesen tratar os perigos das armas de destrución masiva, enfatizando que tales reunións fosen politicamente neutrais. Estendíase a cuestión do armamento nuclear a todos os países e gobernos. Unha frase en concreto menciónase a miúdo, pronunciada por Rotblar ao recibir o Premio Nobel da Paz en 1995:
"Recordade a vosa humanidade e esquecede o resto".
[editar] O comezo das Conferencias de Pugwash
A chamada á conferencia internacional era clara no manifesto e Nehru pretendeu que fose na India. Porén, o borte a Crise de Suez retrasouna. Aristóteles Onassis ofereceuse para financiar a reunión en Mónaco, mais rexeitose tal proposta. No seu lugar, Cyrus Eaton, un industrial canadense que coñecía a Russell desde 1938 financiou a conferencia no seu Pugwash natal. O Manifesto Russell-Einstein converteuse na carta de fundación das Conferencias de Pugwash.
[editar] Asinantes do manifesto
- Max Born
- Percy W. Bridgman
- Albert Einstein
- Leopold Infeld
- Frédéric Joliot-Curie
- Herman J. Muller
- Linus Pauling
- Cecil F. Powell
- Józef Rotblat
- Bertrand Russell
- Hideki Yukawa
[editar] Ligazóns Externas
- Primeira Conferencia de Pugwash (en inglés)
- Texto do Manifesto Russell-Einstein (en inglés)